'Nós Diario' crece 31,2% este ano e alcanza as 21.000 persoas lectoras, segundo o EXM
Con arredor de 21.000 lectores e lectoras —unicamente do periódico impreso, sen contar a edición dixital—, Nós Diario sitúase na terceira onda do Estudo Xeral de Medios (EXM) de 2024, difundida esta terza feira, como o oitavo xornal xeneralista máis lido cada día na Galiza.
Nós Diario supera así outras cabeceiras con maior antigüidade como La Opinión de A Coruña, El Mundo, Atlántico Diario, ABC ou El Ideal Gallego. Un dato que ratifica a forte implantación e crecemento no territorio galego deste medio, financiado principalmente grazas a centos de subscritoras e subscritores, que o vindeiro 2 de xaneiro fará cinco anos nas rúas.
Na primeira onda do presente exercicio —en abril— o EXM rexistraba unha audiencia total de 16.000 persoas que se elevaba na segunda até as 18.000 lectoras e lectores, cifra que agora volve crecer por segundo período consecutivo en 3.000 máis.
Comparando o dato actual co de principios de ano, Nós Diario experimentou unha repunta de até 31,2%, o que contrasta significativamente coa caída xeneralizada da prensa na Galiza, pasando dunhas 685.000 lectoras e lectores declarados na primeira onda a 646.000 nesta última (-5,7%).
Destaca especialmente neste senso o crecemento do xornal na circunscrición de Ourense, onde a día de hoxe chega a arredor de 3.000 persoas e é xa o cuarto xeneralista máis lido, só por baixo de La Región, La Voz de Galicia e El País. No primeiro informe do EXM para 2024 era o sétimo e contaba cunhas 1.000 lectoras e lectores menos que na actualidade.
O público máis novo
O único diario impreso integramente en lingua galega é tamén, segundo o EXM, o que conta co perfil máis novo de público: 47,2 anos de media, fronte aos 52,2 que se rexistran a nivel global no país.
Nós Diario, que se distribúe a través de 429 puntos de venda de todo o país e está dispoñíbel para a súa lectura en perto dun cento de estabelecementos hostaleiros, é tamén segundo os datos auditados pola OJD o quinto diario xeneralista con maior difusión do país —4.194 entre as vendas do papel e a publicación dixital—.
