Un 'Sermos Galiza' especial analiza as claves de 2024 que marcarán o vindeiro ano

O sábado 14 de decembro Nós Diario vén acompañado dunha publicación especial: o Anuario 2024, que bota a vista atrás á información máis sobranceira do ano que remata, ao tempo que analiza o que está por vir, coincidindo co quinto aniversario do xornal. Reserva o teu exemplar para non ficar sen o máis relevante de 2024 e dar as chaves do que vai acontecer en 2025. 

Capa do 'Anuario 2024' que acompañará 'Nós Diario' o vindeiro sábado 14 de decembro. (Foto: Nós Diario)
Capa do 'Anuario 2024' que acompañará 'Nós Diario' o vindeiro sábado 14 de decembro. (Foto: Nós Diario)

Con xaneiro ás portas, Nós Diario analiza as claves de 2024 no Anuario e de que maneira repercutirán en 2025 os fitos e acontecementos máis destacados destes 12 meses. O sábado 14 de decembro, un número especial do semanario Sermos Galiza resumirá os eixos que marcaron este ano que xa remata e que sentan as bases para o que será 2025. Unha nova volta ao Sol na que, precisamente, este diario alcanza o seu quinto ano de vida ofrecendo información de calidade, coa Galiza e a lingua galega no centro.

Así, e coincidindo coas cinco candeas que soprará Nós Diario, 64 páxinas a toda cor recollerán no Anuario 2024 cinco entrevistas e cinco reportaxes que botan a vista atrás e debullan os temas centrais deste ano en curso, ao tempo que analizan as chaves do que vai acontecer en 2025. A portada é un deseño gráfico especial de David Rodríguez que tamén celebra o V aniversario de Nós Diario.

Cinco reportaxes…

Unha nova fotorreportaxe do colectivo Habitar o Baleiro traerá a este Anuario a posíbel instalación da macrocelulosa de Altri na comarca da Ulloa, así como a conflitividade social que este proxecto que está a provocar en todo o país.

Após coñecer nos últimos meses deste 2024 os datos do IGE que certifican que a galega deixa de ser a lingua máis falada do país, Manuel Xestoso analiza a situación do idioma co foco nun posíbel pacto que se fragua no Parlamento galego e que espera ver a luz a finais de 2025.

O modelo de financiamento foi outro dos temas candentes neste 2024 que remata, un aspecto que debulla Xacobe Ferreiro. O acordo asinado o pasado 7 de agosto entre Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) e o Partit dels Socialistes de Catalunya (PSC) para investir Salvador Illa como presidente da Generalitat sitúa esta cuestión no primeiro plano da axenda política no último semestre do ano e avanza en convertela nun aspecto central no novo período de sesións.

2024 foi tamén ano de deporte. Os Xogos Olímpicos que decorreron en París ocuparon o foco mediático o pasado verán e este diario non foi alleo a un evento de tal magnitude: por primeira vez, Nós Diario realizou unha cobertura especial do evento seguindo a maior representación galega da historia. Antón Escuredo relata este e outros éxitos das deportistas galegas e galegos noutros deportes, destacando a Galiza como potencia neste eido.

Hai case un ano, o 21 de decembro de 2023, o presidente “herdeiro” da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, convocaba as eleccións galegas para o 18 de febreiro. Dez meses despois, nunha reportaxe de Patricia Villarino, a doutora en Ciencias Empresariais da USC, María Bastida; o escritor e analista político David Rodríguez e o politólogo Emilio Vázquez analizan para neste Anuario 2024 os fitos políticos deste ano na Galiza, o resultado de oito meses do Goberno do PP de Rueda na Xunta, o papel de BNG e PSdeG neste escenario e os retos de futuro que o arco político galego ten que asumir na Galiza, en España e en Europa

…e cinco entrevistas

Ademais, Alberte Mera, novo director de Nós Diario, nunha entrevista de Xan Carballa, debulla os retos do xornalismo galego para 2025; a arquitecta e ex conselleira de Vivenda Teresa Táboas analiza, nunha conversa con Xesús M. Piñeiro, un problema que xa marcou toda unha xeración: a vivenda como dereito; María Vila Camino entrevista o rapeiro ponteareán Hugo Domínguez, que examina o estado do panorama musical galego e o poder da música nas loitas colectivas.

A politóloga e doutoranda en Ciencias Políticas pola Universitat de València Idoia Arreaza, nunha entrevista de Elvira Branco, analiza o auxe da ultradereita, nun ano no que se constatou un ascenso das formación máis reaccionarias; e o director do Citius, Senén Barro, clarifica os riscos e as oportunidades que nos depara a Intelixencia Artificial.

Suman así cinco reportaxes e cinco entrevistas para conmemorar cinco anos de Nós Diario, unha cifra que este xornal alcanza grazas ás persoas subscritoras que o apoian.

*Lembra que podes atopar o Anuario 2024 o sábado 14 de novembro, acompañando o xornal Nós Diario. 32 páxinas do xornal + 64 páxinas do Sermos Galiza. 96 en total por só 3,20 euros!

Comentarios