Semana Galega da Filosofía: non hai pensar que non teña representación no mundo

Germán Labrador e Santiago Auserón Marruedo fechan a última xornada da XXXIX edición da Semana Galega da Filosofía.

Última xornada de “Filosofía e Arte” no Teatro Principal de Pontevedra. Esta sexta feira, 14 de abril de 2023, a Aula Castelao de Filosofía despedíu a XXXIX edición da Semana Galega de Filosofía cos relatorios A forza formadora das imaxes, de Andrea Soto, unha recuperación da forza subversiva e do ser-en-común das imaxes; Estética e historia. Sobre os imaxinarios políticos da arte na Galicia do século, de Germán Labrador, unha apoloxía ao poder renovador, case heraclitiano, dos imaxinarios galegos no último século; e A música na Grecia Antiga e a orixe da filosofía, de Santiago Auserón, un son marcado ao ritmo das orixes do pensamento occidental.

Doutora en Filosofía e profesora de Estética e Teoría da Arte, Andrea Soto Calderón é coñecida polos seus estudos en torno as transformacións da experiencia estética na cultura contemporánea, a investigación artística, o estudo da imaxe e os medios, así como na relación entre a estética e a política. Valparaíso, Barcelona, Lisboa e París. Ten escrito diversos artigos académicos, capítulos de libros e textos para catálogos de artistas, entre os que destacan Le travail des images, xunto a Jacques Rancière, La performatividad de las imágenes, Metales Pesados (2020) e Imaginación material, Metales Pesados (2022).

No réxime de visibilidade da industria cultural, as imaxes contribuíron a habituar os nosos corpos e a nosa mirada a unha dispoñibilidade específica: o consumo

No réxime de visibilidade da industria cultural, as imaxes contribuíron a habituar os nosos corpos e a nosa mirada a unha dispoñibilidade específica: o consumo, polo que non é de estrañar que as imaxes fosen declaradas non aptas para criticar a realidade. Porén, nas sospeitas ante a súa abundancia e nos perigos dos seus excesos, quedamos sen ferramentas para explorar as súas potencias. A perspectiva que Soto propón é a de indagar nas forzas formadoras das imaxes, na reserva latente que toda imaxe porta, na súa capacidade para configurar realidades. Neste sentido, explora a concepción do traballo da imaxe de Ranciere. Crear unha imaxe é sempre producir un mundo.

As iconas da globalización son imaxes estandarizadas que din moi pouco sobre a complexa diversa realidade do mundo, tenden a borrar a xénese formadora das imaxes, os seus procesos materiais. A forza das imaxes non ten tanto que ver coa súa capacidade para representar a realidade que existe, do que “é”, senón do que pode ser. Unha imaxe nunca vai soa, sempre é un entrecruzamento, unha coexistencia heteroxénea de maneiras de facer. De aí tamén que nese tecido se xoga por completo a súa dimensión política: na maneira en que as súas formas propoñen materialmente paradigmas do ser-en-común.

Labrador

O segundo relatorio correu a mans do coñecido Germán Labrador, profesor no Departamento de Español e Portugués da Universidade de Princeton dende 2008 e catedrático desta institución desde 2018, agora en excedencia. Se ben naceu en Vigo, con catro anos mudouse a vivir en Pontevedra, cidade coa que está moi vencellado emocionalmente.  “Grazas Ramón Regueira, fixeches a túa parte”, exclamaba ao final da súa conferencia, agradecéndolle ao seu profesor de filosofía do Instituto Valle Inclán por todo o coñecemento obtido.

As súas investigacións no ámbito da historia cultural especialízanse no estudo dos mundos ibéricos na época contemporánea, a partir das relacións entre estética e política, cidadanía e memoria. É o autor, entre outros libros, de Letras arrebatadas. Poesía y química en la transición española (Devenir, 2009) e Culpables por la Literatura. Imaginación política y contracultura en la transición española (Akal, 2017). Actualmente é director de Actividades Públicas do Museo Reina Sofía; a principio de ano comisariou a exposición Sempre mais. Arte, ecoloxía e protesta na Galicia do Prestige, co colectivo Unha Gran Burla Negra.

A relación entre estética e historia déitase no cerne da configuración da arte e das súas capacidades de operación política. A arte resulta pensábel como pel da historia, como superficie material heteroxénea e descontinua onde se expresan as interaccións complexas entre os contextos e as épocas. Na imaxinación da mesma sobre os lugares ou obxectos onde se encarna, os que produce e os que producen; e a propósito da súa articulación política, coas imaxes da relación cos outros e co medio, coas lóxicas comunitarias pensables e sensibles, xógase un vasto campo de posibilidades sociais, proxectivas, autorreflexivas, emancipatorias e revolucionarias. A estética opera sobre realidades cambiantes nunha dialéctica que organiza e reborda a representación a través da experiencia.

Un paradigma das artes

Deste modo, Labrador presentou algunhas notas sobre a posibilidade de articular un paradigma das artes no contexto do século en Galiza, cunha reflexión a propósito do rol das institucións educativas e culturais. Hai tres problemas historicamente interconectados en relación coa arte na Galiza: o problema da relación entre forma e a función, o que é como dicir, o problema do traballo; o problema da relación entre tradición e a violencia, o que é como dicir, o problema da herdanza; e, finalmente, o problema da comunidade e da súa reprodución, o que é como dicir, o problema do futuro.

Castelao tratou todos estes problemas na súa obra, xa fora en forma de texto ou bosquexo; e, afortunadamente, o filósofo ve a continuación desta obra nas formas de pedra en forma de cruz que adornan a Galiza: os cruceiros. Existe acaso unha mellor manifestación artística que represente o paradigma estético-político, os imaxinarios políticos do vínculo do noso pobo a súa terra?

A pesares dun contexto marcado polos desequilibrios e a desmoralización da sociedade, da captura tecnopolítica dos medios de comunicación e da esfera dixital, das guerras culturais e identitarias, das diásporas globais, do esgotamento dos combustíbeis fósiles, dos desequilibrios climáticos... A pesares de todo, séguense a crear novas formas de institucionalidade cidadá, de solidariedade e mutualismo, de politización da intimidade. E non só iso, senón que moitas teñen a súa base nesas raíces que moitos xa creen desaparecidas. Polo tanto, se prestamos atención a esas formas culturais, as cales presentan unha sensibilidade tan perta á natureza, ao noso pasado e, posibelmente, ao noso futuro, estabeleceremos unha ponte coas ferramentas que necesitaremos os próximos anos a nivel político. “A nostalxia deixa que a roda siga facendo o seu traballo”, afirmaba Labrador.

Auserón

Santiago Auserón Marruedo (Zaragoza, 1954) estudou Filosofía na Universidade Complutense de Madrid (1972-1977) e na Université de Vincennes, París VIII (1977-1978), baixo a dirección de Gilles Deleuze. No ano 2015 foi nomeado Doutor en pola Facultade de Filosofía da UCM defendendo a súa tese Música en los fundamentos del logos. Así mesmo, foi cantante e compositor do recoñecido grupo musical Radio Futura (1980-1992), e dende 1984 investiga as raíces do son cubano. Por exemplo, o seu proxecto Juan Perro caracterízase por un eclecticismo que funde o son cubano, a música africana, o jazz e o blues, e outros.

A partir da súa tese de doutoramento, Música en los fundamentos del logos, e da súa posterior reelaboración para ser publicada en libro: Arte sonora. En las fuentes del pensamiento heleno (Anagrama, 2022), Auserón presentou unha síntese de ideas xerais acerca de ditos traballos. Partindo dunha descrición da orixe sagrada da mousiké tékhne na Grecia arcaica e do seu influxo na evolución do logos dende o período arcaico ao período clásico, abordou o significado das dualidades entre imaxe e son, entre son verbal e son musical -tal como se expoñen dende os poemas homéricos en adiante-, así como o xiro que se produce na tradición coa expansión do uso da escritura.

O proceso polo que os filósofos sublimaban a harmonía, o modo en que a teoría musical renova a relación coa tradición e a posibilidade de soster que é o ritmo -aínda  relegado ao marco da prosodia e o metro do verso-, proporcionou aos gregos antigos un primeiro modelo de abstracción. Esta análise permite unha reinterpretación crítica das orixes do pensamento occidental e sitúanos ante a necesidade de cuestionar as súas posibilidades de transformación.