"Ninguén quere ver así os seus maiores": sen roupa nin os coidados adecuados

Denuncian portas fechadas, falta de material básico e ausencia dun plan de xestión de residuos.
"É inhumano". Persoal do Sergas e da Xunta da Galiza desprazado á residencia de maiores de Salvaterra do Miño denuncia unha "situación de alto risco físico e psicolóxico" tanto para os pacientes como para o colectivo profesional responsábel dos coidados. A carencia de material, o déficit de hixiene, a falta de organización e a sobrecarga de traballo impídenlles facer o seu traballo correctamente, din, polo que chaman á Administración a facer autocrítica e a tomar "as medidas oportunas".

"É necesario que os responsábeis fagan un pouco de autocrítica e acepten que non souberon xestionar a situación, do contrario, o persoal do Sergas e da Xunta continuaría nos seus postos habituais, onde estamos afeitos a traballar cun mínimo de dignidade e de profesionalidade". 

A chamada de atención parte do persoal sanitario do Servizo Galego de Saúde e da propia Xunta derivado á residencia de Salvaterra de Miño tras a súa intervención o pasado 27 de outubro. Ese día, con 110 contaxios, o Goberno galego decidiu asumir o mando do xeriátrico, en mans dunha empresa privada local, e desprazar un equipo de profesionais do Sergas co "obxectivo de garantir a calidade asistencial e a correcta protección da saúde tanto das persoas usuarias como das traballadoras e traballadores".

Denuncian carencia de material básico de protección e coidados, a falta de organización e a sobrecarga de traballo.

O mesmo equipo que agora denuncia unha "situación inhumana" dentro do xeriátrico, onde a carencia de material básico de protección e coidados, a falta de organización e a sobrecarga de traballo impiden non só o cumprimento dos protocolos oficiais, tamén a atención adecuada das residentes.

Sen produtos de aseo, sabas, toallas nin roupa

Nun escrito dirixido aos responsábeis sanitarios e de servizos sociais da Xunta da Galiza, o persoal chamado a cubrir "a demanda excepcional derivada da Covid-19" na residencia de Salvaterra detalla as eivas detectadas no centro en menos dunha semana. 

Denuncian a falta de persoal técnico de coidados auxiliares de enfermaría (TCAE) suficiente para coidar, vixiar e atender as demandas e necesidades de todas as usuarias do centro. Tamén manifestan un risco elevado de contaxio pola carencia de EPIs adecuados, un contorno de traballo inseguro e "graves defectos nas medidas de hixiene das instalacións e dos propios pacientes". A maiores, sinalan fallos na distribución de persoal e na organización de circuítos limpos e sucios, "inexistentes", así como a carencia de produtos de aseo, sabas, toallas e prendas de vestir para os residentes, "que se ven na obriga de reutilizar a mesma roupa varios días". 

Úlceras e cuartos fechados

Camas e baños sen adaptar, colchóns rotos e sucios, cuartos sen enchufes e sen paus de goteiro onde colgar a medicación, timbres que non funcionan son algunhas das eivas que específicas que trasladan as traballadoras públicas na súa denuncia, recollidas tamén pola asociación TreGa na súa acusación. 

As residentes permanecen fechadas con chave nos seus cuartos.

Neste sentido, Traballadoras de Residencias da Galiza trasladaron a inspección que "as residentes permanecen fechadas con chave nos seus cuartos", cando a normativa de servizos sociais prohibe esta práctica, "por prevención de riscos e por unha mínima dignidade persoal" que ademais atrasa o traballo das auxiliares de enfermaría. "Unha residencia non é un cárcere", recalcan, polo que os illamentos deben garantir sempre a posibilidade de pedir axuda.

"Ninguén quere traballar nin ver os seus maiores nestas condicións", afirman traballadoras de TreGa a Nós Diario.

[Podes ler a reportaxe completa no Nós Diario en papel, que podes atopar nos quioscos e puntos de venda habituais ou na loxa. Se aínda non es subscritora ou subscritor, podes sumarte aquí]