EXCLUSIVA

"90% dos usuarios teñen úlceras" nunha residencia intervida pola Xunta da Galiza

Estado en que se atopa o colchón dunha cama da residencia (Imaxe: Nós Diario).

O centro de maiores de Salvaterra de Miño atópase intervido pola Xunta da Galiza desde o pasado 27 de outubro, após superar máis de 100 contaxios e contabilizar varias mortes. Porén as condicións que sofren as persoas usuarias son inhumanas. Así llo advirten ao Goberno galego diversos colectivos de traballadores.

O centro de maiores de Salvaterra de Miño xa suma 11 mortes. Após tres vítimas mortais rexistradas na xornada da segunda feira, a situación está moi lonxe de mellorar. De feito, fontes do Servizo Galego de Saúde (Sergas) afirman a Nós Diario que varios dos usuarios atópanse nun estado moi grave. O panorama non sorprende entre as e os profesionais da dependencia, que tiñan situado esta residencia como unha das máis precarias e con menos medios da Galiza.

A presidenta de Traballadoras das Residencias da Galiza (Trega), Sonia Jalda, sorpréndese de que o Goberno galego non tivese reparado en todos estes anos nas condicións deste xeriátrico, así como da demora en tomar decisións máis contundentes.

“Non entendemos como esa Inspección de Política Social non actúa no seu preceptivo labor inspector, nin antes nin durante a intervención, o que consideramos unha clara deixación nas súas funcións con consecuencias desastrosas para a saúde dos usuarios e das traballadoras, cando a residencia de Salvaterra ten un total de 108 prazas, das que 72 están subvencionadas con algún tipo de concerto público”, afirma en declaracións a Nós Diario. Jalda non dubida en cualificar de “inhumanas” as condicións do centro.

A intervención da Xunta

A intervención por parte da Xunta da Galiza do centro de maiores de Salvaterra de Miño non ten implicado un cambio substantivo nas condicións das persoas usuarias do centro. Segundo se recolle nunha denuncia presentada diante dos servizos de Inspección da Consellaría de Política Social por parte de Trega, documento ao que tivo acceso en exclusiva Nós Diario, “o 90% dos usuarios teñen úlceras provocadas pola inmobilidade e por estar até 10 horas sen cambiar os cueiros, tal como nos indican traballadoras do centro”.

A falla de medios materiais na residencia de maiores é unha evidencia. Así, desde Trega indican que “as instalacións non reúnen as mínimas condicións de mantemento nin salubridade, non xa para atender persoas maiores, senón para calquera tipo de aloxamento".

Pratos da ducha rotos e oxidados

"No vestiario de persoal os pratos de ducha están rotos e oxidados, aparte de visibelmente sucios, o seu uso implica un risco para a saúde das traballadoras. Ademais todo o vestiario está revolto, as taquillas non teñen chave e están permanentemente abertas, hai roupa colgada fóra delas”, recolle o texto ao que accedeu este medio.

As habitacións dos residentes non cobren os estándares esixidos pola normativa galega. Nesta liña, a denuncia de Trega expón que “as condicións nas habitacións dos residentes teñen graves deficiencias, nulo mantemento e falta do material mais básico. Non hai enchufes suficientes para os aparellos eléctricos, utilizando ladróns (totalmente prohibido polo risco de sobrecarga e incendio)".

 

[Podes ler a información íntegra no Nós Diario do 10 de novembro de 2020 nos quioscos e puntos de venda habituais ou para a súa lectura na nube. Subscribíndote fas posíbel un xornalismo galego e de calidade. Aquí tes todas as modalidades]