Lamentan a actuación do Estado

As familias dos mariñeiros, "soas": "Nin cooperación, nin axuda, nin amparo"

Familiares das vítimas do 'Vila de Pitanxo', onte, agardando por información en Marín. (Foto:Europa Press).

O porto canadense da cidade de Saint John podería recibir esta sexta feira os tres mariñeiros sobreviventes do naufraxio do Vila de Pitanxo e os 10 corpos recuperados no mar dos seus compañeiros mortos. Mentres comezan os trámites para a súa repatriación, continúan as dúbidas sobre a causa do sinistro.

A chegada dunha das embarcacións con tres sobreviventes e 9 cadáveres do Vila de Pitanxo ao porto de Saint John agárdase para as 11 da mañá desta sexta feira. Tres rescatados e sete mortos son conducidos a terra no barco cangués Praia Menduíña 2, mentres os outros dous falecidos navegan no buque canadense Nexus.

O porto de Saint John é un vello coñecido dos mariñeiros galegos. Situado no Estado canadense de Novo Brunswick é unha referencia para todos aqueles barcos e tripulacións que faenan nos caladoiros da Organización de Pesqueiras do Atlántico Noroeste (NAFO), unha área situada na parte exterior dos grandes bancos de Terranova e fóra da zona económica exclusiva do Canadá.

A totalidade das embarcacións de bandeira española presentes na zona son galegas. Mentres 12 delas teñen o seu porto base nas localidades de Cangas do Morrazo, Marín e Vigo, outras seis sitúanse noutros puntos do Estado, malia seren propiedade de armadores galegos. Precisamente nestas augas, onde os mariñeiros galegos levan pescando desde o século XVI, viviuse en 1996 o coñecido como conflito do fletán.

As condicións de traballo neste caladoiro son moi duras. Segundo sinalan a Nós Diario persoas coñecedoras da zona, "o mar é moi bravo e as ondas non teñen nada que ver coas das nosas costas. De feito, o normal é traballar con ondas moi grandes sempre batendo contra o casco da embarcación e nunha área de moi pouca visibilidade pola profunda néboa". Na mesma liña, indican que "os mariñeiros desta zona carecen de convenio colectivo" e a súa situación laboral é "precaria".

A situación meteorolóxica adversa é o argumento empregado polas autoridades canadenses para suspender os labores de rescate. A decisión, avalada polo Goberno do Estado mereceu a resposta do Executivo galego, do BNG e das familias dos mariñeiros desaparecidos.

O presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, demandou esta quinta feira voltar ás "tarefas de busca". "Onte [pola cuarta feira] tiñamos o anuncio de que se podían retomar nas próximas 24 horas e esta mañá trasladámoslle ao Goberno o noso interese de que se retomen cando menos no día de hoxe, e espero que as autoridades canadenses nos dean unha resposta positiva".

A este respecto, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, expresou: "Queremos que non quede dúbida ningunha de que se fixo todo o posíbel por esas persoas, sabendo o importante que é para as familias recuperar os corpos para despedir os seus familiares".

María José Dopazo, filla de Francisco Dopazo, un dos tripulantes do barco non localizado, aseverou onte que "xa sabemos que están mortos, pero esas 12 persoas non merecen o abandono". "Non notamos nin cooperación, nin axuda, nin amparo. Queremos que se poñan os medios que ten España. Se Canadá non quere pór medios, España ten medios suficientes na zona", asegura Dopazo.

O presidente da Asociación de Peruanos da Galiza, Pedro Arana, sinalou que "esperabamos máis sensibilidade do Goberno do Canadá. E tamén dos Estados Unidos, que son os países que están máis perto" e reclamou axudas para as familias dos mortos e desaparecidos.

Mariñeiros de Marín consultados por Nós Diario amosan a súa preocupación pola situación na que poden quedar as familias dos mortos de nacionalidade peruana ou ganesa. "Hai que mirar polo futuro desas familias e garantir para eles os mesmos dereitos que para as familias galegas", destacan, mentres poñen o foco "na necesidade do recoñecemento legal da viuvez e da orfandade, para as mulleres e orfos".

Investigación 

As familias urxen, tamén, o Estado español a pór en marcha a investigación para determinar a causa do sinistro. Nesta dirección, o Ministerio de Transportes anunciou esta quinta feira a constitución da Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (Ciaim) para comezar coas pescudas e recoller información sobre o naufraxio.

"Hai diversas hipóteses sobre a causa do naufraxio", comentan a Nós Diario desde Salvamento Marítimo, "mais é demasiado cedo para sacar conclusións e descartar calquera posibilidade".

"Só sabemos que foi moi  rápido", afirman estas fontes, quen lembran que "ao patrón só lle deu tempo de pulsar o botón da chamada selectiva dixital que vai ao satélite e de aí ao centro de salvamento. O segundo sinal foi a radiobaliza, que salta un pouco despois de afundimento. Porén, xa non lle deu tempo a facer a chamada de socorro pola canle 16 VHF"