As familias dos desaparecidos no naufraxio deberán agardar tres meses para solicitar a declaración de falecemento

Exterior da armadora Nores. (Foto: Marta Vázquez/Europa Press)
A investigación do sucedido está condicionada polas poucas posibilidades de refrotar o 'Vila de Pitanxo'.

Os familiares dos mariñeiros desaparecidos durante o naufraxio do barco pesqueiro de Marín 'Vila de Pitanxo' terán que agardar un prazo de tres meses para poder iniciar a tramitación xudicial da declaración de falecemento.

O avogado Manuel Blanco Ons explicou a Europa Press este paso debe ser levado a cabo polas familias dos desaparecidos para que poidan acceder ás indemnizacións e ás coberturas das responsabilidades civís "nun prazo razoábel".

"O primeiro que procede é investigar a causa do sinistro" , explicou o letrado, quen detalle que "tense que abrir unha investigación para determinar o motivo final, xa que non é o mesmo que se debera a causas externas ou que o barco naufragase por unha manobra inadecuada ou un defecto construtivo ou de reparación".

Para a investigación é importante poder acceder á embarcación afundida, mais no caso pesqueiro, Blanco Ons recoñeceu que é "moi difícil" que este poida ser refrotado, polo que é probábel que a investigación conclúa cunha causa externa como motivo do sinistro.

Trámites dos familiares

Os familiares dos mariñeiros desaparecidos deberán presentar unha solicitude formal da declaración de falecemento no xulgado de Marín. Terán que facelo de xeito individual, aínda que poderán agruparse nalunha asociación ou colectivo para levar a cabo as súas reclamacións.

Mentres esta declaración de falecemento non estea vixente, seguirá a considerarse os desaparecidos como legalmente con vida. Neste tipo de casos nos que non hai confirmación do pasamento, a delcaración será efectiva con carácter retroactivo, polo que a data de morte será a mesma que a data na que entre en vixencia a declaración de falecemento.

O avogado tamén sinalou que a aprobación destas declaracións non ten un prazo específico. "Unhas son máis rápidas e outras máis lentas", recoñeceu. Tamén lamentou que diferentes cuestións poden levar a que tramitación dure até "un ano".