SOCIAL

Neumólogos advirten que fumar nas terrazas aumenta as posibilidades de contaxio da COVID-19

Terrazas na Coruña (M.Dylan/EP).
"Ao fumar e exhalar o fume, xa sexa tabaco convencional ou dispositivos electrónicos, expúlsanse diminutas gotiñas respiratorias que poden conter carga viral e ser altamente contaxiosa", salientan desde a Sociedade de Neumoloxía.

"Fumar ou vapear en tempos da pandemia COVID-19 supón un maior risco de padecer unha forma grave e de peor prognóstico da enfermidade". Así o salientan desde a Sociedade Española de Neumoloxía e Cirurxía Torácica (SEPAR), que recomenda non fumar nas terrazas e espazos públicos durante o período de desconfinamento, porque considera que son lugares nos que o risco de contaxio aumenta tanto para as fumadoras como para as persoas da súa contorna.

"Ao fumar e exhalar o fume, xa sexa tabaco convencional ou dispositivos electrónicos, expúlsanse diminutas gotiñas respiratorias que poden conter carga viral e ser altamente contaxiosa, pero ademais, ao fumar é inevitábel levar a man á boca, ao nariz ou á cara, o cal facilita a entrada do virus no aparello respiratorio", explica o neumólogo Carlos A. Jiménez-Ruiz, presidente da SEPAR.

"As gotiñas respiratorias son partículas diminutas", explica o doutor, "invisíbeis ao ollo humano, expelidas ao falar, tusir, esbirrar ou respirar, que poden transportar xermes infecciosos dunha persoa a outra". Estas partículas poden permanecer "até 30 minutos no aire en suspensión" e "alcanzan até os dous metros de distancia", o cal lles permite ingresar nas vías respiratorias das persoas da contorna e contaminar superficies onde poden "permanecer durante horas en función do tipo de material".

"A evidencia científica xa nos demostrou que o coronavirus se transfire entre persoas a través das gotiñas de Flügge e por vías de contacto con superficies, polo que a nosa recomendación agora máis que nunca é non fumar", asevera o neumólogo Signes-Costa, coordinador da área de tabaquismo da SEPAR, que reúne a máis de 4.500 profesionais da saúde respiratoria. 

Vulnerabilidade das fumadoras

Esta asociación profesional advirte que as substancias tóxicas do fume do tabaco diminúen as defensas dos pulmóns. "Iso facilita que os virus e as bacterias poidan infectar os pulmóns dunha fumadora con maior frecuencia que os dunha persoa que non consome tabaco", indican.

Ademais, apuntan que "as células pulmonares das fumadoras, tanto de cigarros manufacturados como electrónicos, son especialmente susceptíbeis a ser infectadas polo SARS-Cov-2". Razóns pola que se explica que a COVID-19 sexa unha enfermidade moito máis grave nas persoas fumadoras que nas non fumadoras.