A neta dunha usuaria da residencia de Salvaterra: “A avoa parecía saída dunha guerra, quedei perplexa”

Colchón roto nunha cama da residencia de Salvaterra (Imaxe: Nós Diario).

Publicamos en exclusiva o relato da neta dunha usuaria da residencia de maiores de Salvaterra de Miño. Poucas semanas antes de facerse público o surto de Covid-19, puido ver a súa avoa, “cando lle quitaron as sabas e a vin espida, non podía crer o que vía”. Nas urxencias do hospital advertíronlle que lle faltaban vitaminas, proteínas e ácido fólico. O motivo, segundo o persoal médico que a atendeu, “a alimentación”.

Días antes de que xurdise o gromo de Covid-19 na residencia de maiores de titularidade privada de Salvaterra de Miño, Helena [nome figurado], puido ver a súa avoa, usuaria deste xeriátrico intervido pola Xunta da Galiza o 27 de outubro e cuxo funcionamento provocou graves revelacións do colectivo de profesionais.

A avoa de Helena fora ingresada semanas antes dos casos de coronavirus debido ao alto nivel de azucre e a fortes dores abdominais. O seu testemuño confirma o recollido na denuncia presentada en 2017 por unha traballadora desta residencia á que tivo acceso en exclusiva Nós Diario e que daba conta da falta dunha alimentación axeitada e dun correcto aseo das persoas usuarias debido á sobrecarga de traballo das profesionais. Tamén ten relación co advertido xa pola CIG ese mesmo ano ante Inspección.

"Semellaba unha muller nas que saen nas imaxes de Somalia"

“Cando lle quitaron a saba á miña avoa para lle recoller os ouriños e analizalos, non podía crer o que vía, semellaba unha muller das que saen nas imaxes de Somalia, semellaba saída dunha guerra. Alucinei. Fiquei perplexa”, relata Helena, ao outro lado do teléfono.

Os días en que a avoa estivo ingresada, acompañouna para lle dar o xantar, “eu vía o que comía, facíao cunhas ganas horrorosas e iso non me encaixaba co extremadamente delgada que estaba. Son consciente de que os maiores adelgazan, mais non a ese nivel. Ademais, co que a vía comer, era imposíbel que estivese así”.

Cando ingresou no hospital, o equipo médico informou a Helena de que a súa avoa tiña falta de vitaminas, proteínas e ácido fólico

Foi entón cando lle preguntou ao persoal médico se a súa avoa tiña anemia. A resposta: falta de vitaminas, proteínas e ácido fólico. “Preguntei se se debía á idade e respondéronme que non, que todo apuntaba a que a alimentación non estaba a ser a axeitada”, sinala.

Cando lle deron a alta, Helena acompañou a avoa á residencia, “a persoa que nos atendeu saudou a miña avoa toda cariñosa... todo un paripé”. “Notaba que quería despacharme e solicitei falar coa responsábel. Dixo que era ela”, afirma. Preguntoulle, con preocupación, se a súa avoa estaba comendo, “respondeu que estupendamente, que fenomenal, e foi entón cando lle pedín explicacións pola falta de vitaminas, proteínas e ácido fólico”. “Contestou, visibelmente nerviosa, que ela non era a profesional, que eu tiña que falar co médico, mais que tiña tamén que saber que as persoas maiores adelgazan”, narra Helena.

Máis dun mes á espera da chamada do médico da residencia

“Non ía mal encamiñada, cheiraba que algo non ía ben, de feito, díxenlle á miña familia, isto ten un nome: abandono”, lembra. Máis de mes e medio despois, Helena non recibiu a chamada prometida do médico. “Necesito denunciar isto, tiñades que ver as fotos do antes e o despois da miña avoa, unha muller que antes de entrar na residencia pesaba 70-80 kg”, di.

Á extremada delgadez súmase a falta de hidratación, “ten a pel acartonada, mesmo a súa cara está chea de durezas”. Proba disto é a cantidade de feces que ateigaban o seu intestino e que lle provocaron as dores que acabaron con ela en Urxencias. As súas pernas presentaban numerosos negróns. “Cando a acompañei no hospital fixen unha videochamada coa miña familia e ninguén daba creto. A miña nai viu a coxa da miña avoa e pensou que era o braciño. É todo ósos, pel sobre pel”, salienta.

A miña nai viu a coxa da miña avoa e pensou que era o braciño. É todo ósos, pel sobre pel

A Helena non lle sorprenden as informacións publicadas por Nós Diario a respecto das condicións que sofren as persoas residentes deste centro de maiores. Ela nunca puido ver os goteiros da medicación colgando das lámpadas, as duchas oxidadas nin os colchóns completamente rachados, “non nos permiten ir aos cuartos, nada de nada, nin sequera nolos amosan”. Di que visitan as persoas usuarias, “no salón que teñen ao lado da recepción”.

Despois de levala do hospital á residencia, non voltou a vela. Ao pouco xurdiu o surto e non permitiron máis visitas. Helena sente impotencia, “ten que estar a pasar un inferno aí dentro”, conclúe.

A residencia de Salvaterra é de titularidade privada, mais conta con concertos coa Xunta da Galiza. O narrado por Helena repítese noutros centros de maiores privados, que teñen no seu haber máis do 90% de falecementos coa Covid-19 relacionados con xeriátricos. O motivo, segundo os profesionais, a maior precariedade de persoal das residencias privadas, pois as públicas son máis esixentes cos estándares de persoal.