Testemuño sobre a residencia de Salvaterra

Unha denuncia de 2017 sobre a residencia de Salvaterra: "Non se lles dá de comer de maneira axeitada"

Edificio da residencia de Salvaterra de Miño. (Foto: Nós Diario)
As administracións públicas eran coñecedoras da situación das usuarias e usuarios do centro de maiores de Salvaterra con anterioridade ao estoupido da pandemia. ‘Nós Diario’ achegaba onte un informe coas eivas da residencia entregado pola Confederación Intersindical Galega en 2017 á Inspección de Traballo e á Xunta da Galiza e hoxe ofrece en exclusiva unha denuncia presentada tamén en 2017 por unha traballadora do xeriátrico diante da Consellaría de Política Social. Malia a gravidade dos feitos denunciados pola empregada da residencia, o Goberno galego non atendeu a queixa.

Por favor, investiguen. Entrevístense cos propios familiares. Vaian ao centro. Os maiores non poden explicar o que está pasando. É unha cuestión de humanidade”. Así remataba unha denuncia presentada á volta de 2017 diante da Consellaría de Política Social por unha traballadora da residencia de maiores de Salvaterra de Miño que quería “pór en coñecemento de quen corresponda o sucedido na residencia xeriátrica”. Engadía, “se non poño os meus datos é por medo ás represalias”. Naquela altura, segundo traballadoras e traballadores consultados por este medio, a dirección do centro xa tiña procedido a impor medo entre o cadro de persoal, co obxectivo de reducir os custos do servizo, mesmo comprometendo a atención aos residentes.

Segundo puido saber Nós Diario, esta denuncia deu pé a que funcionarios do servizo de Inspección da Consellaría de Política Social se desprazasen ao centro de maiores de Salvaterra co obxectivo de investigar e confirmar os supostos recollidos na queixa, mais descoñécese que a Xunta da Galiza incoase algún expediente sancionador á dirección do xeriátrico.

Algunha persoa que naquela altura traballaba no centro lembra como o “persoal da Xunta veu falar con nós para preguntarnos cal era a situación pero despois non volvemos saber nada”, unha dinámica que se repetiu noutras residencias da Galiza e que ten provocado críticas das organizacións de familiares de usuarios e das centrais sindicais.

“Non son aseados correctamente”

A denuncia presentada por esta traballadora, á que tivo aceso en exclusiva Nós Diario, non aforra datos sobre as eivas do servizo prestado na residencia de Salvaterra. “Non son aseados correctamente, moitos deles incluso desprenden olor, non se lles dá de comer dunha maneira axeitada, xa que a carga de traballo é tanta e o persoal tan pouco que non dá tempo a facelo profesionalmente (algúns incluso fican a medio comer)”, afirma no seu escrito esta denunciante anónima.

A queixa, formulada nesta semana por traballadores e traballadoras do Servizo Galego de Saúde (Sergas) desprazadas ao centro após a súa intervención por parte da Xunta da Galiza o pasado 27 de outubro, confirma a situación descrita, evidenciando a ausencia da hixiene debida.

“Hai un aumento nas caídas dos residentes nos últimos meses. Por favor comproben o rexistro das mesmas e o libro de enfermaría”, reclama a denuncia, que refire como no caso dunha accidentada, D.P, “os propios familiares queixáronse, pero a empresa intentouno tapar e xustificar mediante explicacións falsas”. Segundo sinalan os profesionais da dependencia consultadas por Nós Diario, as caídas nos centros de maiores son consecuencia, a maioría das veces, da falla de persoal. “O traballo de erguer un residente, que segundo o seu peso ou ausencia de mobilidade debe facer dúas ou tres persoas, en moitas ocasións faino só unha e aí están a causa de moitas caídas”, conclúen.

O interese por aumentar os beneficios diminuíndo os custos de explotación levou a dirección da empresa a precarizar as condicións laborais e a reducir o persoal. Así, nesta denuncia de 2017 sinálase que “contamos cunha ocupación total das prazas ofertadas (moitas delas prazas públicas da Xunta da Galiza) pero a ratio de persoal non se está cumprindo. Todo isto ocasiona unha sobrecarga nas traballadores, principalmente nas auxiliares, e como consecuencia nunha atención non axeitada aos residentes”.

O incumprimento das ratios de persoal esixidas para os centros de maiores na lexislación galega é unha constante na operativa das empresas da dependencia, tal e como ten demostrado o Consello de Contas da Galiza no seu informe de 2017.

 

Fornecemos un extracto desta reportaxe sobre a realidade na residencia de Salvaterra do Miño. Se queres continuar coa lectura, atoparás o texto ao completo no Nós Diario de hoxe, nos quiosques ou para a súa lectura na nube. Lembra subscribirte de contado para evitar quedarte fóra da actualidade!