A Xunta coñecía as deficiencias da residencia de Salvaterra desde 2017

Estado dalgunhas zonas da residencia de Salvaterra. (Foto: Cedida)
A central sindical CIG sinala que leva denunciando a situación do xeriátrico desde 2017. Por iso, sostén que a Xunta coñecía a "atención deficiente" e o exceso de traballo do persoal.

O Goberno galego coñece desde decembro de 2017 a situación dos residentes e dos traballadores do centro de maiores de Salvaterra de Miño. Así, o sinala nun comunicado Confederación Intersindical Galega (CIG) que “leva desde o ano 2017 denunciando a situación de sobrecarga de traballo e de atención deficiente na “Residencia Geriátrica Salvatierra”, sen que nin a Inspección de Traballo nin a inspección de maiores da Xunta tivesen actuado”.

Segundo sinalan dende a CIG, “ nunha xuntanza celebrada na sede da Inspección e Traballo en decembro de 2017 entregáronlles un informe tanto á autoridade laboral como á empresa e ás representantes de CCOO no que se avaliaba a situación da residencia e se achegaban unha serie de propostas para mellorar as condicións dos traballadores e dos usuarios".

“Lamentabelmente, unha vez máis a intervención da Inspección foi nula”, apuntan desde o sindicato nacionalista, quen lembra que naquela altura denunciaron publicamente  a situación dunha serie de traballadoras que estaban a ser acosadas laboralmente por parte da dirección, “que exercía un acoso vil sobre elas, mediante o uso de violencia verbal, coa intención de conseguir despedimentos baratos de persoal con antigüidade”.

Neste sentido, a CIG destaca que como consecuencia desta persecución aos traballadores dous deles solicitaron a baixa médica, feito denunciado diante da Inspección de Traballo.

A Confederación Intersindical Galega urxe á Xunta da Galiza a apertura dunha investigación para esclarecer o acontecido na residencia de Salvaterra de Miño e determinar “a responsabilidade tanto das administracións que no seu día foron informadas das irregularidades existentes no centro como da propia dirección da residencia, que mantén unhas condicións de explotación laboral e de atención deficiente dende hai anos”. Ao tempo, demandan do Goberno galego “un cambio radical no modelo de xestión das residencias e da atención ás persoas dependentes, para que cando menos todo o drama que estamos a vivir teña a utilidade que as continuas denuncias non tiveron”.

A solicitude do sindicato nacionalista faise pública unha vez que Nós Diario dese a coñecer unha denuncia formulada por Traballadores da Residencias da Galiza (Trega) e que a Consellaría de Política Social se comprometese a analizala con “detemento”.

Porén, a queixa formulada evidencia os argumentos empregados pola Xunta da Galiza, que malia a ter intervida a residencia desde o pasado 27 de outubro nega coñecer irregularidade na mesma até o punto de sinalar nesta tarde que “en caso de que se constate algún incumprimento da normativa, como é natural e como acontece en todos, actuarase en consecuencia”.