Nenas e nenos do Sáhara Occidental volven ter unhas 'Vacacións en Paz'

Chegada este ano dun dos grupos de nenas e nenos saharauís ao aeroporto de Peinador, Vigo. (Foto: Sogaps).
A iniciativa de acollemento familiar de nenas e nenos dos campamentos saharauís con familias galegas retomouse este verán. A incerteza dos dous anos de inactividade tornouse en ledicia ao conseguir, en pouco tempo, comprobar como a solidariedade continúa a ser un dos mellores activos do pobo galego.

A pandemia paralizou durante máis de dous anos unha gran maioría das actividades no país, aquelas que non se consideraban esenciais. A situación sociosanitaria impediu a continuidade de moitos proxectos solidarios e as organizacións non gobernamentais resentíronse desta circunstancia.

Un exemplo é o que impulsa a cooperación co Sáhara Occidental da organización Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps) que até esta semana non puido recuperar a súa iniciativa máis significativa: o programa de acollemento familiar temporal de nenas e nenos dos campamentos de refuxiadas e refuxiados Vacacións en Paz

Novo criterio de acollida con motivo da pandemia

Esta pasada fin de semana, daquela, chegaron á Galiza 184 nenas e nenos desde os campamentos de refuxiadas e refuxiados para pasar o que queda de xullo e todo o mes de agosto convivindo con 160 familias galegas de todo o país. 

A Galiza vén participando nesta iniciativa solidaria, da man de Sogaps, desde o ano 1991, ofrecendo ás familias saharauís a posibilidade de que as súas fillas e os seus fillos gocen dunha estancia agradábel, humana e culturalmente rica, baixo a supervisión e os coidados das familias acolledoras galegas, nun período do ano con temperaturas extremas en África.

Orixinalmente o programa estaba enfocado para nenas e nenos de entre 8 e 12 anos, a petición expresa do Goberno da República Árabe Saharauí Democrática (RASD), con preferencia cara ás de menor idade. A evolución da iniciativa fixo que convivisen de todas elas garantindo a posibilidade de abranguer un colectivo máis amplo. 

O criterio de acollida variou após a pandemia e todos os participantes veñen por primeira vez. Patricia Amoedo forma parte dunha das familias de acollida que volve participar, no seu caso, cunha cativa de oito anos.

"É bastante particular a experiencia de 2022 ao ser nenas e nenos que nunca estiveran e non coñecen o idioma", explica a Nós Diario. O reto de comunicación superábano antes contando con rapazas e rapaces que coincidían na mesma edición e viñeran máis veces e agora sinala que "botamos man das súas propias familias do Sáhara e tamén dun tradutor". 

Ampliar a familia máis alá das fronteiras

"Para nós as cativas e os cativos que veñen entran a formar parte da nosa familia", asegura Patricia. Acontécelles o mesmo cos familiares directos que teñen nos campamentos cos que manteñen cun contacto estreito durante todo o ano, non só durante todo o verán. "A axuda humanitaria que recibían cada vez é máis reducida polo que nós axudámolos no que podemos, mesmo facéndolles algunha compra desde aquí para o día a día", explica. 

Nas comunicacións periódicas que manteñen as familias non tratan os temas de actualidade política e os acontecementos relacionados coa viraxe da postura do Goberno español con relación ao Sáhara Occidental. "Viven tan o día a día que están á marxe desa realidade", apunta. Aínda así, está ao tanto de todo o que lle acontece á súa familia de referencia. Patricia lembra como en novembro de 2020 empeorara a situación entre Marrocos e a Fronte Polisario cando volveron entrar en conflito.

"O primeiro neno que veu á nosa casa, que agora ten 19 anos, fora un dos que chamaron para entrar no Exército", relata. Esa realidade marcou a ambas as familias. 

Dous anos sen poder ter 'Vacacións en Paz'

As familias galegas viviron con moita inquedanza estes dous anos sen poder acoller as nenas e os nenos do Sáhara que viñan cada edición do programa. A iniciativa implica un grande esforzo para Sogaps e non sería posíbel a súa realización sen a implicación directa de familias e institucións. Estas últimas financian os gastos do transporte en avións desde os campamentos e o resto do desembolso económico durante a estancia das nenas e os nenos corre a cargo das primeiras.

"A pandemia tamén fixo que medrasen as necesidades para as familias galegas, polo que moitos concellos non podían axudarnos ao ter que atender as necesidades máis próximas".

Unha experiencia familiar e humana enriquecedora entre dúas culturas

Patricia Amoedo leva nove anos participando no programa desde Vigo. Explica a Nós Diario que coñecía a iniciativa por outras familias cando tiña 20 anos. “Sempre foi algo que me chamou a atención e cando tiven posibilidade faleino co meu marido e xurdiu a nosa experiencia”, relata. Comezaron cun neno de 10 anos que tiña un irmán e dúas irmás. En total pasaron pola súa casa de Vigo dous nenos e dúas nenas. Unha delas está agora mesmo cos seus fillos (na foto).

O maior naceu despois da primeira experiencia -agora teñen cinco e sete anos- e mudaron a súa forma de ver o que lles arrodea. "Comen toda a comida ao lembrar que no Sáhara non teñen para comer", sinala, "ou á hora de ter xoguetes que cando deixan de ter uso gárdanse nunha caixa para envialos aos campamentos", engade.