O negocio das grandes comercializadoras de enerxía e as "chamadas ameazantes": "Aprovéitanse da xente maior"

Contadores de electricidade. (Foto: Europa Press)
Varias persoas consumidoras denuncian os intentos de empresas eléctricas, nalgúns casos mediante a intimidación, para conseguir que cambien de compañía ou tarifa.

A empresa Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa Galega denunciou esta segunda feira que “as empresas do Oligopolio”, entre as que enumeran Naturgy, Endesa ou Iberdrola, están a lanzar unha campaña, a través de “chamadas ameazantes” para manter e mesmo aumentar o número de clientes.

“Estamos recibindo consultas das socias indicando que reciben chamadas das empresas do Oligopolio, incluso ameazando co corte da subministración eléctrica si non quedan ou regresan”, criticou a compañía nas súas redes sociais.

Ángel Montero, traballador da cooperativa, explica a Nós Diario que esta práctica é habitual. Un achegado seu narroulle como a súa nai, de avanzada idade, “recibiu unha chamada de Naturgy para ameazala con cortarlle a luz”. “Esta muller non ten contrato con Naturgy, e aínda así ameazárona con deixala sen electricidade se non se ía con eles” detalla Montero. “Xa recibíramos máis denuncias do estilo, e decidimos dalo a coñecer”, engade.

Neste sentido, explica que as grandes empresas do mercado enerxético deseñan a súa estratexia pensando nas persoas maiores ou con dificultade para o acceso á información. “Chaman a persoas maiores ou máis vulnerábeis e engánanos ou directamente ameázanos para que cambien unha tarifa, de compañía... Todo con tal de non perder clientes e poder”.

Incremento das chamadas ás portas do inverno

Montero subliña que as empresas poñen en marcha este tipo de campañas ás portas do inverno, cando a enerxía é máis necesaria para quentar os fogares. “Saben ben cando actuar e como conseguir convencer as persoas para que fagan o que eles queren”, lamenta. “Recibimos moitas chamadas de persoas ás que lles ‘obrigaron’ a cambiar de tarifa para pagar menos, e que finalmente acaban pagando moito máis”.

A pasada semana deuse a coñecer que Iberdrola configurou a páxina web de Curenergía, a súa comercializadora de luz e gas baixo a tarifa regulada, para que esta non fose visíbel nos motores de busca e dificultar o acceso de usuarios e usuarias a prezos da enerxía máis baratos. Varias asociacións de consumo denunciaron nos últimos meses que as grandes empresas eléctricas do Estado español están a pór diferentes impedimentos para intentar evitar que as persoas usuarias pasen á tarifa regulada TUR.

Para aquelas persoas que reciban este tipo de chamadas ameazantes, o traballador de Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa Galega explica que o primeiro que deben ter claro é que o cese de subministro eléctrico a un domicilio segue un procedemento regulado, “non se fai por teléfono”. “Debe haber unha comunicación por burofax, cuns determinados prazos e cunhas determinadas cuestións estipuladas, non é algo que se faga dun día para outro”.

“A xente que sufra este tipo de chamadas pode pórse en contacto con nós. A cooperativa naceu para empoderar as consumidoras e axudalas ante os abusos das empresas do Oligopolio e intentar cambiar o modelo do mercado eléctrico”, conclúe Montero.