Expertas chaman á prudencia nos encontros e a seguir as pautas de seguridade

Nadal enmascarado para coidar os seres queridos

Alumeado de Nadal en Compostela no ano 2018. (Foto: Concello de Compostela)
Ventilar os cuartos, reducir ao máximo o número de asistentes ou empregar máscaras axeitadas. Son algunhas das medidas ás que apuntan as persoas expertas consultadas por Nós Diario de cara ao Nadal. Todas lembran á poboación os riscos que comportan as reunións de persoas non conviventes. Temen que a relaxación das restricións teña chegado demasiado cedo e piden vivir "non con medo, pero si con prudencia" pois o virus segue aí.

A proposta para o Nadal está enriba da mesa. Para tratar de minimizar os riscos, as festas contan co seu propio manual de instrucións. Na Galiza, as medidas anunciadas polo Consello Interterritorial coinciden cunha semana na que se relaxan as restricións de cara á ponte. Esta sorte de segunda desescalada, após a da primavera, preocupa as expertas contactadas por Nós Diario. Máxime tendo en conta que se parte dun punto con máis incidencia, contaxios e carga hospitalaria e que o persoal da sanidade está exhausto tras nove meses de pandemia.  

Segunda vaga

"Na Galiza saímos do confinamento o 15 de xuño e a fin de semana seguinte xa tivemos o primeiro gromo no Barbanza, a principios de xullo tivo que fecharse A Mariña e a mediados comezou a segunda vaga. Desde agosto as cargas virais aumentaron, tanto en persoas sintomáticas como en asintomáticas, e isto pode explicar o crecemento importante que se produciu a principios de outubro. Detrás de todo isto está a perda de control da transmisión da enfermidade ao non funcionar os rastrexadores, o incumprimento das normas con celebracións de xuntanzas e festas ou a non adoptarse medidas mais restritivas antes", analiza para Nós Diario Juan Gestal, profesor Emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela (USC)

"Deuse unha falsa sensación de seguridade. O problema deste virus é que se descoñecen moitos aspectos do seu comportamento, por iso non debemos baixar a garda até que os valores de prevalencia sexan mínimos e haxa unha inmunidade poboacional suficiente", agrega Juan García Costa, do servizo de Microbioloxía do Hospital Universitario de Ourense e vogal da Sociedade Española de Viroloxía. 

Isabel Bandín, profesora de Viroloxía da USC, agrega que unha importante vía de transmisión do coronavirus son os aerosois, as microscópicas pingas que emiten as persoas ao falar, tusir ou ao respirar. "Os espazos fechados, sobre todo os mal ventilados, son nos que existe un maior risco de contaxio", di. 

Relaxación das medidas

Esta semana a Xunta da Galiza reactivou a hostalaría en todo o país, con máis ou menos restricións segundo a situación epidemiolóxica de cada municipio. A maiores, en concellos como Ourense, Barbadás ou Compostela volveu permitir as reunións de non conviventes, limitadas en toda Galiza a un máximo de cinco persoas, e a mobilidade a outras localidades. 

"A rapazada vai o colexio, os adultos, traballar, polo que sempre existe un risco. O problema medra cando se xuntan as persoas de diferentes fogares. Temos que interiorizar que se agrava cantas máis persoas coinciden e cantas máis horas transcorren", sinala a viróloga, lembrando tamén a importancia de "volver pór a máscara tras comer ou beber, tanto neses encontros como nos bares". 

O coronavirus, acrecenta Bandín, "transmítese moi ben". "Non sempre podemos saber se estamos en contacto con alguén contaxiado, porque a enfermidade transmítese aínda que a persoa non presente síntomas". 

Para a profesora de viroloxía é un acerto estabelecer niveis de risco e de restricións que se axusten á evolución da pandemia en cada zona. "É un intento de normalizar a vida da xente, cando o máis doado sería ir cara ao máis estrito. Porén, na miña opinión, non se agarda o tempo suficiente para que se asente a redución da incidencia". 

Gestal coincide. "Relaxar as medidas agora terá como consecuencia unha repunta importante dos contaxios, mesmo incluso pode que o vexamos antes do Nadal, e en calquera caso despois", apunta. Para García Costa trátase dunha cuestión "controvertida". "Desde o punto de vista virolóxico, cantas máis medidas restritivas máis eficacia na resposta respecto á pandemia. O problema é que hai outros factores moi importantes que non se poden obviar: psicolóxicos, familiares, sociais ou económicos. A dificultade é atopar o punto medio", di. 

"Ao aire libre o risco é vinte veces menor. Depende claro, pero nas zonas pouco concorridas e levando máscara as posibilidades de contaxiarse son moito menores. Paseando no parque, por exemplo", di África González, catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo (UVigo). Queda pois, se o tempo o permite, a opción de reencontros neses espazos abertos. 

Queres seguir coa lectura? Podes facelo mercando o Nós Diario que atoparás hoxe nas librarías, nos quiosques e na nosa tenda online para a súa lectura na nube. Non quedes sen coñecer toda a actualidade galega por non contar con nós; subscríbete xa!