As pegadas da Covid despois da enfermidade

O pacientes ingresados na UCI e con hospitalizacións longas requiren unha rehabilitación intensa e maior tempo de recuperación (Eduardo Parra / Europa Press).
A investigación arredor da Covid non só xira arredor da vacina. A infección por coronavirus exixe o estudo de mellores tratamentos para coñecer e reducir as secuelas derivadas da enfermidade. 
 

Fatiga, dor de cabeza, cambras, formigo, náuseas, alopecia, dificultade  respiratoria. Son algunhas das secuelas que describen pacientes de Covid-19 unha vez superada a enfermidade. Varios meses despois de teren recibido a alta, moitas persoas seguen a padecer as consecuencias da infección por coronavirus, efectos para os que o colectivo de especialistas médicos non sempre atopa unha xustificación clínica. Porén, as complicacións ás que se enfrontan as doentes son reais, até o punto de ver a súa vida condicionada por unha pandemia que revolucionou a práctica asistencial, ademais da vida de numerosas familias.

O máis habitual é o cansazo e a perda de forza física que, nalgúns casos, vai acompañada de síntomas neurolóxicos como a sensación de formigo.

Desde a Unidade de Enfermidades Infecciosas do Servizo de Medicina Interna do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, Dolores Díaz apunta dous tipos de secuelas. Dunha banda, as propias dos pacientes que pasan moito tempo ingresados ou en coidados intensivos, e doutra, as daquelas pacientes que tiveron síntomas máis leves, que mesmo os pasaron na súa casa, pero que tempo despois, tres ou seis meses máis tarde, ven que persisten.

"Os pacientes que pasaron moito tempo no hospital cunha deficiencia respiratoria severa, sedados e intubados, rexistran unha debilidade muscular que require unha rehabilitación moi intensa e incluso aporte nutricional", sinala Díaz a Nós Diario. A maiores, engade, están as secuelas propias da infección viral. "O máis habitual é o cansazo e a perda de forza física que, nalgúns casos, vai acompañada de síntomas neurolóxicos como é a sensación de formigo. Ademais, son frecuentes a debilidade e a dificultade respiratoria -dispnea-. Hai doentes que malia presentar un bo nivel de osíxeno en sangue, quéixanse de que lles falta o aire".

Con todo, engade, "non hai nada orgánico que xustifique moitos destes síntomas habituais. As probas de electromiografía para as pacientes que teñen debilidade ou formigo non detectan nada, pero hai algo aí que teremos que seguir estudando para dar coa causa".

Seguimento poscovid

A chegada da pandemia transformou a asistencia sanitaria. Os hospitais abriron unidades específicas para o tratamento da Covid-19 nas que participan especialistas de diferentes áreas, mais case sempre coordinadas por equipos de Pneumoloxía, Medicina Interna e Enfermidades Infecciosas.

Foron tamén os encargados de impulsar unidades de seguimento das pacientes que superaron a doenza e que non só pretenden ser asistencias, ademias asumen un labor de investigación fundamental co fin de saber que pasa despois da curación, co fin de adquirir coñecemento e unha experiencia máis ampla sobre as pegadas do coronavirus.

A infección afecta aos pulmóns, mais indirectamente pode repercutir no corazón e noutros órganos.

"Normalmente citamos os pacientes un mes despois da alta para unha radiografía de tórax e probas de función respiratoria", explica a este medio Adolfo Baloira, xefe de Pneumoloxía do Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP) e responsábel da atención ás doentes de Covid-19 da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. 

"A infección afecta aos pulmóns, mais indirectamente pode repercutir no corazón e noutros órganos. As persoas contaxiadas que precisaron ingreso adoitan marchar cunha analítica normal, que o médico de Atención Primaria pode repetir ao cabo de dúas ou tres semanas se detecta algún marcador inflamatorio elevado", por iso, incide Baloira, no primeiro control os especialistas observan se a pneumonía se resolveu ou se persiste algún resto, que requirirá novos exames. 

A infección provocada polo novo coronavirus non deixa un rastro físico evidente, mais si unhas consecuencias psicolóxicas acusadas.

"Un 95% das persoas volven ter unha radiografía normal ou similar á que tiñan antes de ingresar pola Covid", destaca o pneumólogo, quen apunta, ademais, que a maioría das pacientes logran recuperar a súa capacidade pulmonar, diminuída polo impacto do virus, ao cabo de dous meses.

Secuelas anímicas

Adolfo Baloira insiste en que a infección provocada polo novo coronavirus "non deixa un rastro físico evidente, mais si unhas consecuencias psicolóxicas acusadas", sobre todo en pacientes que salvaron situacións graves, sós e illados. Concorda con el Dolores Díaz. "Os síntomas depresivos inflúen tanto como a propia infección", nun contexto de sobreinformación e complicacións reais que dificultan a recuperación do benestar previo ao contaxio.

"Moitas secuelas teñen que ver coa situación anímica. O estrés, por exemplo, pode favorecer a caída do cabelo", asegura Baloira. "A dificultade para camiñar, que manifestan moitas doentes, ten máis que ver coa perda de masa muscular. Pero a carga de ansiedade que acumulan tampouco contribúe á recuperación. Tardan en asimilar que están curadas".

Mellor preparados

Andada a segunda vaga da Covid-19, o xefe de Pneumoloxía do CHOP recoñece unha situación mellor que durante a primeira onda de contaxios. "Sobre todo, sabemos o que non temos que facer. No inicio da pandemia usamos moitos fármacos sen saber se eran eficaces ou non. Algúns demostrouse que non serven, mais poden causar efectos secundarios ou interferir con outros medicamentos que tomen os pacientes".

A longo prazo a Covid caracterízase por deixar síntomas de fatiga, dor de cabeza, dispnea e anosmia; máis probábeis co aumento da idade, o peso e o sexo feminino.

Agora, xa non se administran. Os riscos de complicacións diminúen e, ademais, a experiencia previa deu pé a tratamentos preventivos que tamén reducen os efectos negativos coñecidos, por exemplo, ante "o aumento do risco de trombose pulmonar, relacionado co repouso prolongado e a redución da mobilidade tanto durante a enfermidade como nos primeiros meses, unha vez superada", recoñece Dolores Díaz.

Evidencia a longo prazo

Desde Houston (Texas, EUA), a neurocientífica e investigadora galega Sonia Villapol indaga a canda outros grupos científicos do mundo o comportamento do virus e os seus efectos co obxectivo de mellorar as solucións terapéuticas dispoñíbeis.

"Os síntomas observados con máis frecuencia despois da Covid-19 son a fatiga e a dispnea. Outras manifestacións comúns inclúen dor nas articulacións e no peito. Ademais, rexistrouse unha disfunción específica de órganos que afecta principalmente ao corazón, aos pulmóns e ao cerebro". De feito, advirte, estanse a constatar problemas neurolóxicos a longo prazo en pacientes recuperados que teñen que ser hospitalizados con problemas cerebrovasculares, "aínda que a porcentaxe é baixa".

Atopáronse danos nos pulmóns ou no corazón en persoas asintomáticas.

Así, co tempo, a Covid caracterízase por deixar síntomas de "fatiga, dor de cabeza, dispnea e anosmia -perda total do olfacto-, máis probábeis co aumento da idade, o peso e o sexo feminino", afirma Villapol a Nós Diario. Neste sentido, asegura que afectan a 10% da xente de 18 a 49 anos "que sufriron síntomas, aumentando até 22% dos maiores de 70 anos". 

A idade é un dos factores que inflúen no risco de padecer unha enfermidade máis grave, polo que tamén incide nas consecuencias posteriores. "Pero estudos recentes indican que a maioría da xente que se infectou, que non pertencía a grupos de risco e que sufriu diversos síntomas, presentou secuelas en polo menos un órgano transcorridos catro meses da infección. A maiores, atopáronse danos nos pulmóns ou no corazón en persoas asintomáticas", aclara.

A xente nova ten sete veces máis probabilidades de sufrir un ictus por este coronavirus, se o comparamos co virus da gripe estacional.

O normal, di, é que a xente se recupere, pero a diferenza doutras enfermidades, na Covid-19 moitos dos síntomas volven emerxer, tamén entre persoas que non precisaron hospitalización. "Sabemos que os maiores de 70 anos teñen un risco alto de sufrir un ictus relacionado coa infección por Covid, pero a xente nova ten sete veces máis probabilidades de sufrir un ictus por este coronavirus se o comparamos co virus da gripe estacional", engade Sonia Villapol. Un aviso que desde a Galiza estenden tanto Díaz como Baloira. "A xente nova tamén pode ter unha pneumonía grave por Covid, padecer secuelas ou falecer".

Sobre as razóns polas que esta doenza afecta de forma diferente unhas persoas e outras, apunta cara a factores xenéticos. "Atopáronse variantes xenéticas comúns en persoas cunha enfermidade máis grave. Da mesma forma que a xente co grupo sanguíneo A é máis vulnerábel". E todo isto, incide, é importante á hora de atopar tratamentos.

Secuelas neurolóxicas

As secuelas da Covid poden perdurar durante meses, sen chegar a desaparecer, ou poden volver de forma intermitente, "en forma de brote", confirma Dolores Díaz. No caso do sistema nervioso, apunta Sonia Villapol, un estudo realizado con 500 pacientes hospitalizados mostrou que "entre 40 e 60% experimentou dores de cabeza, confusión, delirio ou perda de memoria. Noutros casos, observáronse diversas condicións neurolóxicas, como a encefalite, e de forma máis excepcional, síndrome de Guillain-Barré, ansiedade e estrés postraumático".

A Covid-19 pode aumentar o risco de padecer a enfermidade de Párkinson e a enfermidade de Alzhéimer.

Tamén entre xente moza. Neste sentido, salienta Villapol, "a Covid pode aumentar o risco de padecer a enfermidade de Párkinson e a enfermidade de Alzhéimer". Ademais, destaca os danos que poida ocasionar no corazón, no sistema inmune ou na musculatura, e apunta dous efectos máis a longo prazo: palpitacións e problemas de concentración.