Sanidade advirte que adaptará as medidas para o Nadal á evolución epidemiolóxica

O conselleiro de Sanidade nunha visita ao centro de saúde de Bouzas. (Foto: Europa Press)
O conselleiro do ramo, Julio García Comesaña, demanda "precaución" e "responsabilidade" ás e aos galegos para evitar unha terceira onda da pandemia despois da ponte ou das festas.

O Consello Interterritorial de Saúde acordou que as comidas e ceas de Nadal estarán limitadas a 10 persoas e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, destacou que a Xunta aposta por unha maior precaución por considerar “excesiva” esa cantidade de asistentes ás reunións das festas. No entanto, na Galiza aínda non hai unha capacidade fechada.

Así o deixou entrever hoxe o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que advertiu de que as medidas a tomar no Nadal vanse ir adaptando en función de como evolucione a situación epidemiolóxica.

O que está claro, segundo dixo nunha visita ás obras do novo centro de saúde de Bouzas (Vigo), é que as limitacións especiais serán do 23 de decembro ao 6 de xaneiro.

Ante as preguntas dos medios, García Comesaña quixo deixar claro que “aínda hai tempo” para estabelecer unhas normas e que a idea pactada co Ministerio de Sanidade é “un bo marco” pero aquí prefiren ter un maior control.

Malia que existe unha “tendencia estábel á baixa” en todo o país, o representante da Xunta incide en que seguen a verse localidades “puntuais” cuxas afeccións “preocupan”.

Neste sentido, chamou á “responsabilidade” individual das e dos galegos para evitar unha terceira onda da pandemia. Desde o seu punto de vista, as medidas tomadas até o de agora “deben permitir seguir baixando”, pero o comité clínico que asesora ao Executivo galego é consciente de que pode haber unha nova repunta dos contaxios tras as festas. 

“Calquera indicador de que esa presión aumenta fai que se tomen decisións. Iso vai seguir sendo así, aínda que esteamos en Nadal”, advertiu, demandando á sociedade “precaución”.