A música das bandas populares reivindícase Ben de Interese Cultural

A Lira de Ribadavia o pasado mes de maio en Arnoia.
As agrupacións populares reivindican o seu legado artístico, social e educativo como Ben de Interese Cultural. O PP vén de reixeitar na Cámara galega unha proposta do BNG para incoar o expediente que permitiría este recoñecemento.

Con máis de 7.000 músicos e músicas e un cento de agrupacións populares federadas, as bandas de música da Galiza acubillan unha parte esencial do patrimonio inmaterial colectivo e constitúen un "fenómeno musical único de forte valor tradicional e identitario".

Esta expresión foi unha das escollidas pola deputada nacionalista Mercedes Queixas para defender a pasada terza feira no Parlamento da Galiza unha proposición non de lei que reclamaba a incoación do expediente para a declaración do legado das bandas de música como Ben de Interese Cultural (BIC), unha iniciativa impulsada polas propias agrupacións e na que Federación Galega de Bandas de Música vén traballando desde hai un lustro.

Proxecto Da Capo

Malia o acordo unánime da Cámara para recoñecer o labor artístico, social e educativo destas formacións musicais populares, con grande arraigo social e compromiso asociativo, o PP rexeitou a proposta do BNG. "Foi un non a todo -confirma Queixas a Nós Diario-, tanto á posibilidade de empezar a incoar o expediente BIC, que non lle custa nada ao Goberno da Xunta, como á consideración do Proxecto Da Capo", presentado pola Federación Galega de Bandas de Música para situar a música como motor de desenvolvemento social, económico e innovador da Galiza.

As bandas de música eran a porta de acceso á música culta en vilas e lugares pequenos

Segundo Iván Estévez, presidente da federación de bandas de música, este proxecto "interdisciplinar" é moi ambicioso e busca ser parte dun "desexado" PERTE cultural que recoñeza a importancia da música dentro do sector da cultura e desta na economía.

Trátase dunha iniciativa que avoga por potenciar a faceta educativa, formativa e laboral, pero tamén a dixitalización e conservación de arquivos ou a proxección exterior da Galiza a través da música, "e non só das bandas populares", que segundo o Consello da Cultura da Galiza aglutinan máis de 10.000 persoas, entre músicos, alumnado, docentes e socios.

Ben de Interese Cultural

"Levamos moitos anos perseguindo a idea de lograr este recoñecemento como Ben de Interese Cultural. A música de banda ben o merece, tanto como a música tradicional, que o debera ter desde moito antes e aínda non o alcanzou". Iván Estévez destaca a presenza fértil das bandas populares por todo o territorio, nomeadamente no rural. "En vilas e lugares pequenos eran a vía de acceso á música culta, en sitios onde era impensábel escoitar obras de Mozart ou Chopin, por exemplo; en Celanova, Ramirás, Ribadavia, onde a banda A Lira leva case 200 anos en activo".

As bandas seguen a levar música e cultura á vilas. "En moitas é a única actividade que hai activa todo o ano, onde funcionan como auténticos espazos de convivencia interxeracional, pero tamén de formación, de creación e interpretación musical, onde a dedicación de quen participa é case sempre voluntaria.

Dos máis de 7.000 intérpretes de música de banda federados na Galiza, 70% teñen menos de 30 anos

Os músicos profesionais que viven exclusivamente do seu oficio son os menos. "Van porque lles gusta". Ademais, na Galiza só hai dúas bandas municipais, a de Santiago e A Coruña, aclara Estévez. O resto son agrupacións populares cuxo traballo social e cultural merece "todo o recoñecemento e protección", porfía, porque son fonte de creación. Son fonte de novos repertorios, con acento galego, e berce de músicos e músicas que fan carreira en prestixiosas formacións profesionais de todo o mundo. "De Barro, Lalín, Caldas ou As Pontes saíron trompetistas, trombonistas e chelistas que fan carreira na Sinfónica ou na Real Filharmonía da Galiza, mais tamén en Chicago, Roma ou Berlín". 

 World Music Contest

Dos máis de 7.000 intérpretes de música de banda federados na Galiza, 70% teñen menos de 30 anos. Máis de medio cento destas músicas e músicos novos son parte da Banda Sinfónica Galega convidada por primeira vez este ano ao World Music Contest, o 'mundial das bandas,  que hoxe se inaugura en Kerkrade (Países Baixos). 

Cada músico terá que pagar do seu peto 400 euros por representar Galiza no World Music Contest de Kerkrade

"A banda está formada por 61 músicos de entre 15 e 30 anos, mais o director, David Fiúza, e un gaiteiro, Josele, que viaxa como convidado para interpretar parte do repertorio canda unha agrupación francesa, de Lynde". Desde o BNG, Queixas denuncia que "cada músico terá que pagar do seu peto 400 euros por representar Galiza neste certame", un extremo que confirma o presidente da Federación Galega de Bandas de Música e que para a deputada nacionalista "demostra que non hai recoñecemento nin compromiso de futuro" coas bandas por parte do Goberno galego. 

"Nós mantemos a nosa petición. Volveremos insistir e faremos o posíbel por darlle máis forza e máis valor para que o recoñecemento que exiximos non se poida obviar". Conclúe Iván Estévez.