O gañador do certame coñecerase o próximo 30 de xaneiro

Cinco murais de Carballo, Lugo e Cambre optan a converterse no mellor do mundo

Os murais candidatos a ser o mellor do mundo 'Fendetestas' de Mon Devane, 'Guardia Civil' de Diego As, 'Enraizado no presente' de Huariu, 'Don Quixote' de Trece Trazos e 'La sandía de Joe' de Alba Fabre.
Cinco murais situados nas rúas de Lugo, Cambre e Carballo optan a ser o mellor mural do mundo. A plataforma global Street Art Cities destacou estas cinco obras, xunto con outras 95 de todo o mundo, demostrando o potencial que xorde dos festivais e concursos de arte urbana que se organizan na Galiza.

A Galiza reivindícase como berce da excelencia en muralismo. Logo de que en 2022 a plataforma global Street Art Cities escollese como mellor mural do mundo o Xulio César que Diego As pintou fronte á muralla romana de Lugo, este ano son cinco as obras que optan a recibir o mesmo galardón de arte urbana, murais pintados en Lugo, Cambre e Carballo. 

Así, Lugo recunca nesta edición con dous candidatos. Diego As opta de novo a recibir o premio con Gardia Civil, unha obra de 14 metros de alto situada no edificio da Comandancia de Lugo. Trátase dun mural que representa unha imaxe tomada polo fotoperiodista Fernando Ruso. 

Tamén en Lugo, que organiza o festival Urban Cores, o Don Quixote de Trece Trazos adorna o colexio da rúa Camiño de Pipin onde estudou o pintor da obra, Rubén Paz. O mural do CPR Plurilingüe Cervantes representa o personaxe de Don Quixote da Mancha diante duns muíños. 

A vila de Cambre (comarca da Coruña), onde se organiza o festival Cromático Mural Fest, hospeda, ao igual que Lugo, dúas obras candidatas. En Fendetestas, Mon Devane retratou nun lateral do Hostal Alba (no lugar dos Campóns) o actor Xosé Touriñán caracterizado como o protagonista d'O bosque animado. Esta obra de Wenceslao Fernández ten unha relación especial coa vila, pois desenvólvese na fraga de Cecebre, pertencente ao Concello de Cambre. 

O número de 5 da rúa Balado de Cambre mostra o segundo mural candidato da vila, a obra de Huariu titulada Enraizado no presente. O mural representa unha crianza ollando unha bolboreta e con el o autor pretende que reflexionemos sobre "a importancia de prestar atención ás pequenas cousas" da vida. 

Finalmente, Alba Fabre creou, para o festival Rexenera Fest de Carballo, capital da comarca de Bergantiños, o mural titulado A sandía de Joe. Nel representou "a intimidade dunha parella anónima". Nesta obra, "a fraxilidade e a sensibilidade do home" contrastan coa figura feminina, que se mostra "forte e íntegra". Co Rexenera Fest e coa iniciativa Derrubando muros con pintura, Carballo convertiuse na pioneira do muralismo galego.  

O público poderá escoller entre as 100 obras candidatas na plataforma Street Art Cities e votar até o 30 de xaneiro, día no que se anunciará o novo mellor mural do mundo.