Unha multitudinaria manifestación denuncia a precarización da sanidade na Limia

Manifestación en Xinzo, na comarca da Limia, este sábado (Foto: Plataforma Loita Pediátrica na Limia).
A Plataforma Loita Pediátrica na Limia reclama que se restaure de maneira inmediata o servizo completo de pediatría na comarca.

Unha multitudinaria manifestación, convocada pola Plataforma Loita Pediátrica na Limia, percorreu este sábado as rúas de Xinzo para rexeitar os recortes no Centro de Saúde de Xinzo de Limia, que supón o referente sanitario no concello de Xinzo e na comarca da Limia, cun servizo de pediatría que atende, segundo datos o Instituto Galego de Estatística (IGE), máis de 1700 nenos e nenas.

As persoas manifestantes denunciaron que  “o proceso de precarización comezou fai xa anos cando no 2015 o servizo perdeu unha das dúas enfermeiras”. A situación da matronas non é mellor, denunciaron, pois ao centro acoden dúas matronas, unha delas compartida coa área sanitaria de Terras de Celanova, “que vén dous días á semana”, e outra compartida coa área sanitaria de Monterrei-Verín, “que vén un único día e que nesta mesma semana colleu permiso até marzo”.

“As dúas prazas de médico pediatra están sen cubrir. O únicos médicos que atenden ás nosas nenas e nenos son un médico de familia, de 9 a 13 horas, e unha médica puericultora que vén tres días á semana tres horas cada día, que ademais, estas semanas, está de vacacións”. “En total suman como máximo 29 horas semanais de médicos non pediatras fronte as 70 horas de médicos pediatras ás que temos dereito”, salientaron.

“A Sanidade é o servizo primordial da nosa sociedade. Que sexa pública é o garante de que tódalas persoas sexamos igual e debidamente atendidas. É posibelmente a meirande conquista social desta era. Deixar que esmoreza, deixar que nola rouben é coma permitir que nos arranquen o corazón, sustento principal da nosa vida”, reivindicaron desde a plataforma.

“E no rural, onde que naza un neno ou unha nena é un acontecemento e unha onda de esperanza, é especialmente doloroso recibir ataques desta agresividade. Se acaban coa nosa semente, acaban con nós. Queremos que nos deixen vivir na nosa terra, coa nosa xente. Queremos unha sociedade sá, que se coide e na que ninguén queira roubarnos os nosos dereitos para poñelos en mans de quen quere facer negocio con eles, apertando até afogarnos”, afirmou Manuel Pozo, portavoz do colectivo.

“A plataforma formouse ao ver que esta situación de degradación se estaba agravando e que os principais responsábeis  non estaban buscando solucións. Sabemos, ademais, que esta  falta de pediatras é a punta do iceberg e que a seguir, se non se mudan as políticas de desmantelamento, pasará cos médicos de familia  e resto de profesionais dos centros de saúde do rural”, continuou Pozo.

Por tanto, proseguiu, “queremos que, como mínimo, se restaure de maneira inmediata o servizo completo de pediatría que nos corresponde, que as nosas nenas e nenos teñan a súa disposición dous médicos pediatras a tempo completo, desde as 8 até as 15 durante todos os días da semana, e non pararemos até conseguilo”, explicou o portavoz.

“Pedimos que se dote o sistema sanitario dos medios necesarios para que estes sanitarios poidan exercer a súa profesión nunhas condicións dignas e atractivas. E, por último, pedimos que se empecen a tomar medidas para que non se desmantele todo o sistema sanitario público da Galiza”, concluíu.

Besteiro reclama o reforzo da pediatría

O candidato socialista á presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, exixiu ao Goberno galego que reforce os servizos de pediatría deficitarios na Galiza, con preto de 20% das prazas sen cubrir nos municipios do país. Besteiro participou na mobilización convocada pola plataforma Loita Pediátrica na Limia para reivindicar a cobertura dos servizos de Pediatría en Xinzo, e tamén nos servizos sanitarios de Verín e O Carballiño.

O candidato socialista apuntou á “falla de vontade política” do Goberno galego para resolver a carencia de servizos de pediatría en 192 concellos da Galiza, así como do deterioro do servizo na Atención Primaria polos recortes aplicados á sanidade pública nos últimos 14 anos. Así mesmo, responsabilizou ao Executivo da Galiza da situación nos servizos sanitarios galegos, que é “especialmente evidentes fronte ao pico de enfermidades respiratorias”, unha cuestión que, segundo dixo Besteiro, “está a amosar as eivas do sistema”.