Gómez Besteiro acusa a Rueda de pór “paos nas rodas”e achegar “cero solucións”

O candidato socialista José Ramón Gómez Besteiro levou hoxe a campaña a Pontevedra. Desde alí, reclamou  Alfonso Rueda pór remate a política da confrontación co Goberno do Estado.

Besteiro Pontevedra 23
photo_camera Gómez Besteiro durante a súa visita desta maña ao mercado de Pontevedra. (Foto: Nós Diario).

Gómez Besteiro urxiu a Rueda a pór data a seis debates “para falar diante de todos os galegos e galegas de todos os problemas que temos hoxe, de como os imos a solucionar e as oportunidades que temos”.

O candidato socialista sinalou que “queremos debater, discutir e confrontar os nosos proxectos e queremos que os galegos e as galegas o vexan, pero parece ser que Rueda non quere, ou non concreta se vai a haber debates ou non”.

O líder do PSdeG apostou porque dous dos seis debates sexan de política xeral e os outros catro territorializados. Neste sentido, non aclarou o temario a tocar nestes encontros e delegou a súa concreción nos equipos de campaña.

Gómez Besteiro lamentou non obter resposta á súa proposta desde as filas populares. Nesta liña, ironizou que “ao mellor equivoqueime e non tiña que ter emprazado a Rueda para facer os debates, ao mellor tiña que emprazar a Núñez Feixoo”.

A suposta falta de autonomía de Rueda  fronte á dirección do seu partido en Madrid, levou ao dirixente socialista a sinalar que o candidato da dereita “está facendo bo ese lema do Partido Popular de que aquí non hai tutelas nin tutías, aquí si parece que hai tutelas e hai tu tíos”.

Diálogo

O candidato socialista explicou que “temos tantos asuntos que tratar, tantos proxectos que pór enriba da mesa para os próximos anos que é necesario que Rueda se sente nunha mesa, eu noutra e con quen queira máis para falar”.

O líder do PSdeG apostou porque “o Goberno de España, a Xunta e os concellos traballen unidos e deixen atrás a alternativa do PP, que vimos vendo durante os últimos anos, paos nas rodas, confrontación, líos e cero solucións”.

Gómez Besteiro reclamou a Rueda que non confronte co Goberno do Estado. A este respecto, asegurou que  “con confrontación, enfadámonos cos concellos, enfadámonos con todo o mundo, peor non solucionamos problemas nin facemos mellor a vida dos cidadáns na Galiza”.

Comentarios