Confirmado como crime machista o asasinato dunha muller galega en Canarias

Manifestación decorrida en Compostela o pasado 25 de novembro. (Foto: Arxina)
O corpo sen vida da muller foi atopado esta cuarta feira nunha localidade de Tenerife xunto ao seu marido, que está baixo custodia policial.

Unha muller de 83 anos que foi localizada morta na tarde desta cuarta feira en Los Cristianos, no municipio tinerfeño de Arona, era galega e pasaba uns días de vacacións no sur da illa co seu marido, segundo vén de confirmar o delegado do Goberno estatal en Canarias, Anselmo Pestana, en declaracións á Cadena Cope.

Os feitos producíronse a media tarde desta cuarta, contra as 16.30 horas, cando os axentes da Policía Nacional foron mobilizados a unha vivenda a través dunha chamada veciñal ao 112 e acharon o cadáver da muller, con feridas de arma branca, xunto ao seu marido e presunto asasino.

O home, de 84 anos, atópase baixo custodia policial nun centro sanitario para recuperarse das súas feridas. A Delegación do Goberno estatal xa confirmou o asasinato como un caso de violencia de xénero, tal e como apuntan as investigacións policiais.

O Goberno de Canarias, a través do Instituto Canario de Igualdade, activou o protocolo DEMA de atención ás vítimas e no Cabildo de Tenerife gardouse un minuto de silencio en sinal de repulsa.

Aumentan os delitos machistas

A Galiza rexistrou o ano pasado máis de 3 vítimas de violencia de xénero de media ao día. Así o recolle un estudo do Instituto Nacional de Estatística (INE) sobre violencia doméstica e de xénero en 2021.

número total de vítimas rexistradas foi de 1.217, un total de 30 máis que en 2020. Un incremento de 2,5%, un pouco por debaixo de 3,2% da media estatal, e moi lonxe da variación negativa de 30% e 14% que rexistraron Melilla e Asturias, co maior descenso no Estado español.

Na Galiza, unha de cada mil mulleres maiores de 14 anos de media foron vítimas da violencia de xénero en 2021.