Montse Vázquez: "A tecnoloxía tivo avances, mais o cerebro é a materia máis importante"

Montse Vázquez no seu despacho da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación en Pontevedra (Foto: Nós Diario)
Os vindeiros días 27 e 28 de maio Pontevedra acollerá o I Congreso Internacional de Creatividade e Universidade, organizado polo profesorado das universidades de Vigo e do Minho. Co lema "Pensar creando, crear pensando", a proposta, que contará coa posibilidade de ter un carácter presencial, vai máis alá dos estudos de publicidade e presenta unha fórmula válida para resolver problemas. Nós Diario fala coa responsábel de coordinar este evento, a profesora Montse Vázquez da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.

Que motivou que se tratara a creatividade publicitaria nun congreso aberto?

O profesorado de creatividade e publicidade a nivel estatal comezamos a reunirnos con xuntanzas bianuais hai xa 20 anos. Nesta ocasión decidimos abrir a participación dándolle o formato de congreso. A idea é unificar a creatividade coa educación e preguntarnos se somos capaces de aprendelo e como ensinalo. Partimos da idea de que a creatividade é unha capacidade que temos todos os seres humanos para resolver problemas. 

A medida que crecemos, esquecemos esas capacidades que temos. Nas nosas aulas universitarias tentamos volver reactivar, a través de exercicios e de propostas que poden ser publicitarias ou non, esas habilidades e esas capacidades que ten o noso alumnado. A aprendizaxe sempre é de dobre vía, posto que aprende o alumnado e aprendemos nós tamén. Nos últimos anos apareceron novas ferramentas e cústanos, ás veces, conectar nas aulas.   

Cales son esas ferramentas que se empregan na creatividade publicitaria?

A tecnoloxía tivo avances importantes nos últimos anos. Mais eu sigo pensando, como outras e outros docentes, que o noso cerebro é a materia máis importante, o proceso de pensar. Como dicía o catedrático da Universitat Autònoma de Barcelona, José María Ricarte, “a creatividade é pensar” e pensar é pór en funcionamento as nosas neuronas e, a partir de aí, virían as ferramentas, como, por exemplo, as redes sociais, que facilitarían outro tipo de accións ou de actividades. Mais se ti non sabes o que queres contar e non traballas todas as informacións que tes a creatividade desaparecería.  

Como traballa o profesorado a creatividade publicitaria?

O profesorado de creatividade publicitaria tratamos as mensaxes publicitarias, as técnicas creativas e as estratexias que se seguen. Mais son capacidades que serven para todo tipo de situacións que poden xurdir na nosa vida cotiá e son importantes en calquera nivel educativo, desde infantil até o universitario. É necesario potencialas en todo o alumnado e en nós mesmas como docentes, e moito máis nestes tempos actuais que vivimos. 

Podemos falar, a nivel galego, dunha creatividade publicitaria propia? 

Creo que si. Goza de boa saúde aquí na Galiza. Naceron algunhas axencias e outras consolidáronse. O problema é o de sempre, semella que teñen que vir a recoñecernos desde fóra ou que pensamos que o noso traballo non é tan bo. Pola nosa parte, creo que temos un alumnado moi bo, capaz de resolver moitos problemas moito mellor do que elas e eles pensan, mais decátanse cando saen da universidade. E refírome non só aos de publicidade senón a todas as titulacións que temos na Galiza.

Nas campañas publicitarias públicas hai unha maior responsabilidade? 

Existe unha responsabilidade por parte das institucións de manter unha serie de valores e tratar unha serie de temas. É unha cuestión moi interesante e en determinadas ocasións podería proporse se deberían ter algún tipo de responsabilidade máis. Non sei de que modo, pero deberiamos exixirlles máis sobre as mensaxes finais e as relacións que xorden nas informacións. É unha responsabilidade diferente á dos anunciantes tradicionais por falar de entidades públicas que están dirixidas por persoas que todas e todos nós eliximos.