xoves 26/11/20

Benigno Fernández Salgado, escritor e profesor: "A Xunta é unha máquina de propaganda, para min a que mellor funciona na economía galega"

Benigno Fernández, filólogo e doutor en Filosofía, pasou polas universidades de Birmingham e Oxforf para asentar a súa carreira profesional  na Universidade de Vigo, onde imparte lingua galega e linguaxe publicitaria.  Vén de presentar un traballo sobre as marcas galegas na V Xornada de Onomástica galega da RAG.
O escritor, tradutor e profesor Benigno Fernández Salgado (Bene Riobó)
O escritor, tradutor e profesor Benigno Fernández Salgado (Bene Riobó)

Cal é a razón do seu interese ao estudar as marcas e a súa relación coa sociedade?

Non é nada fácil responder esa pregunta. Se non nos facemos unha idea da sociedade na que vivimos, non podemos entender que é o que nos está pasando a nós e á vida. As marcas e a publicidade fan xirar o mundo hoxe. Tocoume dar clases de publicidade, algo que non se me ocorrería por elección. A través delas decateime de que a vida mudou radicalmente o século pasado.

A vida que levaron meus pais xa non a puiden vivir eu. Agora vivimos do que nós contamos e do que nós falamos, no sentido da publicidade, de como lle vendes ao outro o que ti fas. 

A publicidade é o que move a sociedade capitalista en si. Vivimos un momento que eu diría que é terrorífico. Non é a fin das ideoloxías, éo da bioloxía coa que podemos sobrevivir. Estamos nunha sociedade postindustrial na que a publicidade é necesaria para vender o que se produce. Pódese dicir que estamos vivindo do conto.

Como é o panorama que atopou na súa investigación a respecto das marcas e da publicidade agora mesmo na Galiza?

As marcas son, fundamentalmente, un nome, aínda que leven unha imaxe. Son lingua e igual que ela, serven para cuestións positivas, como comunicarse, ou para todo o contrario, tamén serven para mentir. Hai teorías que sinalan que a lingua non comezou para entendernos, senón para enganar o outro. Lembro un titular, cando se emitiu o primeiro anuncio de Gadis, que dicía "vendámonos como galegos". É unha frase perigosa. A función da publicidade é "vender, vender e vender". Cando o tomas moi en serio convértese en reflexivo, en "venderse". Quen se vende? As linguas teñen que servir para outras cousas. 

O que se faga co galego, pode facerse con calquera outra lingua

O que se faga co galego, pode facerse con calquera outra lingua. Todas as linguas poden valer para todo, para o que queiramos nós que vallan. Lembro hai vinte anos, cando comecei impartindo aulas en Publicidade, que atopei na prensa unha información sobre o prezo do nome Coca-Cola. En realidade era o que valía todo o que se fixo con esa marca.

É moi importante iso, e agora mírase que é o que fan as marcas, se son responsábeis co medio ambiente ou non, por exemplo. Quen compra son consumidoras e consumidores mais tamén cidadáns que deciden que mercan e que non. Hai que saber a que responden as marcas e a súa imaxe. Agora mesmo Coca-Cola xa non está nesta listaxe, agora é máis importante o entretemento. Os cambios son inevitábeis.  

Para as marcas galegas fixen unha catalogación de dez entre o meu alumnado. É curioso que moitas e moitos non chegaron a pór as dez. Saen as mesmas marcas, patróns, gustos xeracionais. Ao final traballei coas 50 máis coñecidas. As primeiras que figuran son Estrella Galicia, Gadis e Inditex. Beber, comer e vestir. 

Cal é a razón de que sexan estas marcas que cita as primeiras desa listaxe?

Hai vinte anos a primeira marca que fixo un esforzo por actualizarse foi Estrella Galicia. Logo, no caso de Inditex, houbo moito gasto para inventar os seus nomes, que teñen unha semellanza con moitos lugares do mundo. Quería vender a nivel internacional. É o momento en que entran as axencias que traballan con equipos de lingüistas, economistas, relacións públicas,... Cantos máis cartos, máis emoción causas. Nótase isto, e na listaxe que fixen figuran moitas desas marcas da multinacional de Amancio Ortega.

A publicidade ten unha parte que é a propaganda. Quen máis gasta na Galiza é a Xunta. É unha máquina de propaganda, para min a que mellor funciona na economía galega.

O galego pode contar coas mesmas armas nun territorio tan competitivo como é o da publicidade?

Todas as linguas teñen o mesmo potencial. O importante é o que queiras facer con elas. Se queres ser imperialista, como o inglés, podes selo. Se queres coller o portugués, podes, e chegarías a outras xentes.

A lingua máis pequena pode servir. Son permeábeis, permiten modernizarse, contradicirse, mesturarse. As linguas forman parte da nosa vida. Nacen, medran, reprodúcense e morren. Non hai nada eterno. Sempre estamos a falar de que o galego está a morrer mais non hai que esquecer que tamén nacen as linguas. Podemos competir a nivel global mais as circunstancias son as que son e temos a historia que temos.  

comentarios