Os montes veciñais en zona de costas en perigo: denuncian 'confiscación encuberta'

Limpeza de terreo nunha comunidades de Montes Veciñais. (Foto: CMVMC de Covelo)
As comunidades de montes acusan o Goberno do Estado de ‘confiscación encuberta’. Ábrese una nova fronte para os montes veciñais. O Goberno do Estado estase dirixindo ás comunidades para reclamarlles a súa propiedade atendendo a unha disposición recollida na Lei de costas de 1988. A batalla está servida e a Organización Galega de Comunidades de Montes prepara mobilizacións.

O Goberno do Estado está decidido a facerse coa propiedade daquelas partes de monte comunal situadas dentro do dominio público marítimo terrestre. A pasada semana, a Dirección Xeral do Catastro do Ministerio de Facenda tense dirixido a varias comunidades de montes do Baixo Miño para informalas que unha parte da titularidade dos mesmos correspóndelles á administración estatal. Así, no escrito remitido sinalan que van a proceder a corrixir “as discrepancias” sobre a propiedade, co obxectivo de que estes terreos pasen á titularidade do Ministerio da Transición Ecolóxica e do Reto Demográfico. 

Os requirimentos teñen chegado a boa parte das comunidades de montes con terreos no dominio público marítimo terrestre. Segundo sinala a Nos Diario o presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes, Xosé Alfredo Pereira, “cónstanos que os escritos foron enviados a varias comarcas galegas e aquí no Baixo Miño á Guarda, Oia, Rosal, Tomiño e Tui”. Nesa zona, moitos dos bens afectados sitúanse no esteiro do Río Miño e nunha área sinalada de grande valor para o desenvolvemento dos proxectos da eólica mariña. 

Unha propiedade de carácter colectivo

As comunidades de montes do Baixo non dubidan en cualificar a medida de “confiscación encuberta”. Así, teñen contestado a comunicación do catastro sinalando “que os montes veciñais en man común son unha propiedade de carácter colectivo. A efectos xurídicos, os montes comunais non poden tratarse como se fosen titularidades privadas propiamente ditas, polo que os montes veciñais en man común deben continuar no catastro como montes comunais indivisíbeis”.

A orixe do conflito sitúase na Lei de Costas de 1988. A norma establece que no dominio público marítimo terrestre “non poderán existir terreos de propiedade diferente á demanial do Estado. Porén, o Goberno non ten reclamado a propiedade destes terreos até agora, unha vez transcorridos  máis de 30 anos desde a aprobación desta lexislación e  cando os traballos de deslinde teñen rematado desde hai máis dunha década. Ao tempo, esta decisión abre o camiño a novos ataques contra o monte comunal, amparándose nas diversas normativas sectoriais de carácter estatal.

Pereira non considera casual que o Estado axilice os trámites para facerse coa titularidade destes terreos coincidindo co despegue da eólica mariña na Galiza. “Que apareza isto agora está ligado aos movementos para desenvolver a eólica mariña. Ademais é moi curioso que as primeiras comunidades de montes ás que se ten dirixido o Estado están situados na franxa de costa da Guarda até Baiona, unha área que os estudos do Goberno pero tamén do sector privado considera como boi boa para instalar os parques eólicos mariños”, destaca o dirixente da Organización Galega de Comunidades de Montes.

Vontade política

“A solución ao problema é ao tempo sinxela e complicada. Sinxela porque só require da modificación dun artigo da Lei de Costas e doutro do Código Civil pero ao mesmo tempo complicado porque precisa da vontade política e dos votos necesarios no Congreso para cambiar a lei”, afirma Pereira, quen liga o conflito a propia consideración dos montes veciñais. “É necesario que os montes en man común deixen de ser considerados como montes de carácter privado e que a lexislación española recoñeza a propiedade comunitaria, ao tempo que a pública e a privada, como acontece en Portugal”. 

As protestas das comunidades de montes contra esta medida xa están en marcha. Así, no Baixo Miño xa teñen mantido reunións cos diferentes Executivos locais para “solicitarlles o seu apoio á defensa do monte veciñal” e a aprobación nas diferentes corporacións de mocións de rexeitamento á proposta do Ministerio de Facenda. Na mesma dirección, estanse celebrando encontros e asembleas noutras comarcas da Galiza e preparan unha fronte común para tentar paralizar as pretensións do Goberno estatal.

A Organización Galega de Comunidades de Montes ten convocado para 17 de xullo unha xuntanza en Sanxenxo “coas forzas políticas galegas con representación no Congreso dos Deputados”. Segundo Pereira, no encontro “imos solicitarlles que presenten iniciativas parlamentares para que se modifique o artigo 9 da Lei de Costas. Esta modificación debe orientarse non senso de que o Estado español recoñeza a titularidade comunitaria como unha mais, distinta, pero en igualdade coas titularidades públicas e privadas”.

Perigoso precedente

Xosé Alfredo Pereira considera que o requirimento do Estado en base á Lei de costas “abre un perigoso precedente”. Neste sentido, lembra que o franquismo procede en 1941 a apropiarse dos montes veciñais botando man dunha lei aprobada en 1873 polo Goberno da I República que declara o carácter público dos montes veciñais. Na mesma liña, denuncia a ausencia dunha lexislación axeitada á realidade da Galiza.