Vía libre ás empresas madeireiras para ficaren coas terras comunais

A Organización galega de comunidades de montes comunais (Orgaccmm) denuncia que a burocracia da Administración pode facilitar a perda da xestión das súas terras.
Concentración de comuneiras e comuneiros o pasado 23 de febreiro diante do Parlamento da Galiza (Orgaccmm).
photo_camera Concentración de comuneiras e comuneiros o pasado 23 de febreiro diante do Parlamento da Galiza (Foto: Orgaccmm).

A Lei de montes que propón o Goberno galego continúa a xerar críticas na sociedade. Agora é a Organización galega de comunidades de montes comunais (Orgaccmm) quen denuncia que con esta norma se abriría a porta á entrada de empresas madeireiras nos terreos que xestionan as comunidades veciñais. 

A Orgaccmm afirma nun comunicado que "para o Goberno galego todo vale co fin de acometer a usurpación do monte veciñal". Aseguran que "onte foi a Lei de simplificación administrativa, logo o novo Plan forestal e hoxe a Lei da recuperación da terra agraria", polo que "queda claro que o conselleiro de Medio Rural e a Xunta da Galiza están totalmente entregados ao ditame do interese puramente económico das grandes empresas madeireiras".

Xoán Colazo, membro da Comunidade de Montes de Candeán (Vigo), cre que as comunidades de montes galegas son entidades que "non entran no deseño da Xunta de facer un aproveitamento do territorio depredador", polo que esta lei "é un chanzo máis no ataque á base do que significamos". Explica a Nós Diario que polo feito de non prestarse "á especulación do territorio por non poder vender, mercar ou embargar as súas terras" están "fóra do tráfico capitalista estrito" que agora repunta "en temas como os parques eólicos ou as canteiras".  

Perder as terras por burocracia

En concreto, sinalan que a Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria da Galiza, promulga, na súa derradeira disposición 34, modificacións á vixente lei de montes e referidas aos montes veciñais. Nela a Consellaría do Medio Rural podería declarar en estado de abandono ou de grave abandono os montes comunais polo feito de incumprir as comunidades de montes en cuestións simplemente burocráticas como non enviar a tempo a listaxe actualizada da veciñanza comuneira ou non nomear en prazo unha xunta reitora. 

Coa nova norma na man, Medio Rural tería a posibilidade de decretar a usurpación da xestión das súas terras á veciñanza comuneira e entregarlla ás empresas madeireiras por un período de 50 anos. 

Entre as obrigas dunha comunidade de montes está facer nos tres primeiros meses unha asemblea de comuneiras e comuneiros, aprobar as contas e o orzamento ademais de renovar a xunta reitora se é que lle toca unha vez pasados os catro anos de mandato. "Coñecendo o rural galego non é o mesmo unha comunidade de montes dunha contorna semiurbana das Rías Baixas con certo dinamismo social que outra do interior da Galiza con cinco comuneiros avellentados", explica Colazo. 

As relacións coa Administración galega fanse agora a través de medios dixitais, "algo dificultoso para estas comunidades, mais iso non quere dicir que non estean aproveitando o seu monte e fan a súa función" relata Colazo. Este comuneiro indica que para dificultar aínda máis a súa actividade "non hai nin cursos nin ferramentas apropiadas que faciliten todas esas xestións" que, caso de non realizar, provocarían a desaparición desa comunidade de montes "e o incremento do despoboamento no rural".  

Comentarios