Alertan de que 80% da mocidade afirma coñecer casos de violencia machista en parellas da súa idade

Un de cada tres mozos non consideran violencia de xénero controlar a súa parella. (Foto: Nós Diario)

Os expertos consideran "fundamental" o papel da educación para reverter esta situación.

O estudo de Adolescencia e Xuventude de FAD, do centro Raíña Sofía, alerta de que máis de 80% da mocidade é coñecedora de casos de violencia machista en parellas da mesma idade.

O informe céntrase no "notábel" aumento das relacións tóxicas entre a xente nova. Achacan este incremento aos "problemas vencellados á dependencia emocional", causados pola falta de educación sexual e "os modelos idealizados do amor, que chegan a xerar situacións de violencia".

Entre os casos de machismo que se enumeran, están o control dos horarios ou da mensaxaría da parella, a prohibición de pasar tempo con outras parellas fóra do ámbito a relación...

Neste sentido, o estudo 'Percepción Social da violencia de xénero' da Universitat Oberta de Catalunya (UOC) achou que un de cada tres mozos non considera que controlar a súa parella poida ser catalogado como violencia de xénero.

Papel da educación

Os expertos subliñan a importancia da educación como un "factor decisivo" á hora de desenvolver persoas adultas emocionalmente independentes.

A este respecto, a identificación dos comportamentos que poden derivar en relacións e vínculos emociomnais tóxicos é "fundamental" para atallalos a tempo.

Asemade, o estudo de FAD sinala que axudar á mocidade a mellorar na autopercepción e no "amor propio" repercute de xeito positivo en envitar o incremento das condutas machistas nas parellas.