Mobilización contra Ence en Pontevedra após un ano de "prudencia"

Carteis en Pontevedra en contra da permanencia de Ence na ría.
A Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) convoca para o vindeiro 4 de xullo unha nova marcha contra Ence após un paréntese dun ano "por responsabilidade e prudencia". 

A crise da Covid impediu durante meses á Asociación pola Defensa da Ría (APDR) presionar nas rúas para lograr "o que ten que ser a vitoria definitiva" contra a pasteira Ence en Pontevedra. Ese é precisamente o obxectivo da primeira mobilización que convocan, após un paréntese  "por responsabilidade e prudencia", para o vindeiro 4 de xullo. 

Será cunha marcha baixo o lema 'Fóra da ría, xa', que, segundo explicou o presidente da APDR, Antón Masa, partirá ás 12 horas desde as alamedas de Pontevedra e Marín para concluír ante a fábrica de celulosa.

A convocatoria prodúcese mentres están á espera da resolución da Audiencia Nacional, que se espera para finais deste mes, sobre os recursos presentados pola APDR, Greenpeace e o Concello de Pontevedra para que se declare a ilegalidade da prórroga de 60 anos concedida polo Goberno de Mariano Rajoy á caducidade da concesión, que venceu en 2018,

colectivo ecoloxista lanzou unha campaña con varios lemas que xustifican o feche da factoría. Pola saúde, pola economía, polo medio ambiente, por unha ría limpa, polo deporte na ría, pola paisaxe e polo traballo son os motivos que, impresos en lonas, figuran nas rúas do centro de Pontevedra reclamando o fin da actividade industrial de Ence.

Defensa do emprego 

Entre estes argumentos, o presidente da APDR destacou que a prosperidade económica da comarca "non vai vir pola permanencia a fábrica, senón polas posibilidades de explotación dos recursos pesqueiros e marisqueiros da ría, os recursos forestais e do monte".

Así, Antón Masa precisou que "non se pode confundir defensa do emprego con defensa duns postos de traballo concretos", en alusión aos 400 postos directos da empresa.

Fronte á defensa de "uns poucos" postos de traballo, Masa sinalou que se destrúen "moitos máis" empregos, referíndose ás máis de 15.000 persoas que traballaban na ría antes da instalación de Ence, cuxa presenza "eliminou moitos bancos marisqueiros e contaminou a ría", lembrou.