O futuro de Ence na ría de Pontevedra en mans da Audiencia Nacional

A ministra de Transición ecolóxica, Teresa Ribera, afirma na mesa de diálogo realizada esta cuarta feira que non ten as competencias ambientais polo que agarda o fallo da Audiencia Nacional ao tempo que pide diálogo local" entre os interlocutores competentes. 
Mesa de diálogo de ENCE no Ministerio de Transición ecolóxica.(Ministerio para a Transición Ecolóxica).
photo_camera Mesa de diálogo de ENCE no Ministerio de Transición ecolóxica. (Foto: Ministerio para a Transición Ecolóxica).

A reunión de traballo convocada pola ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, para tratar o futuro de Ence na ría de Pontevedra rematou coa constatación de que será o fallo da Audiencia Nacional que estuda o recurso interposto polo Concello de Pontevedra, Greenpeace e a Asociación pola Defensa da Ría contra a prórroga outorgada en 2016 o que decida a continuidade ou non da pasteira no emprazamento actual. 

Na xuntanza participaron, ademais da ministra, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández, o presidente de Ence, Ignacio Colmenares, e representantes do comité de empresa.

Nela Ribera sinalou que "este ministerio non ten as competencias, é a Xunta quen é responsábel das competencias ambientais, forestais, laborais ou industriais respecto diso, pero tamén é verdade que non é un asunto do que nos queiramos desentender cando se expuxo unha petición destas características". 

O fallo da Audiencia Nacional

A ministra lembrou que a decisión da continuidade da empresa na súa ocupación do dominio público marítimo terrestre non depende deste Ministerio senón exclusivamente "dun fallo que debe ditar a Audiencia Nacional".

Até que ese fallo se produza, e en resposta a esa solicitude das e dos traballadores de facilitar o diálogo entre empresa, persoal e Xunta, Ribera sinalou que é bo coñecer "cales son as preocupacións e as propostas dos distintos actores para ver de que maneira pódese acompañar ese proceso e explorar solucións para o mantemento do emprego na zona".

Ribera insistiu, ademais, en que "se necesita un diálogo local" entre os interlocutores competentes. 

Por último, Ribera destacou que "temos un marco temporal para poder organizar ben as cousas" sinalando que "a concesión de Ence estará vixente como mínimo até o ano 2033, no caso de que a Audiencia Nacional considere ilegal a prórroga concedida polo anterior goberno, ou se non é así, até o ano 2073, que foi o que concedeu o anterior Goberno español aplicando unha lei que foi declarada inconstitucional posteriormente". Desta maneira, concluíu, "temos 10 anos para preparar ben esa transformación".

Comentarios