xoves 15/04/21

Defensa da Ría acusa a Xunta de antepoñer "a ilegalidade" de Ence ao "ben común"

O colectivo asegura, nunha carta aberta dirixida ao vicepresidente segundo do Executivo galego, Francisco Conde, que o “primordial” para a equipa de Feixoo é lograr que a celulosa continúe en Lourizán e “cumprir a lei é secundario”.

Acción reivindicativa da APDR decorrida o ano pasado. (Foto: Europa Press)
Acción reivindicativa da APDR decorrida o ano pasado. (Foto: Europa Press)

A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) acusou hoxe á Xunta e, en particular ao conselleiro de Economía, Francisco Conde, de ter máis interese en apoiar a “ilegalidade” que supón que a factoría de Ence continúe en Lourizán que “o ben común”.

A través dunha carta aberta dirixida ao tamén vicepresidente segundo do Executivo galego despois de escoitar unhas declaracións en defensa da pastera e de urxir ao Estado español a abrir unha mesa de diálogo sobre o futuro da mesma, a entidade cívica considera que demostrou que o “primordial” é que a empresa permaneza onde está.

“Cumprir a lei é secundario”, lamentan desde a organización, que se amosa moi crítica coa equipa de Alberto Núñez Feixoo porque quere traballar “coa máxima de 'ou en Lourizán, ou en Lourizán'”.

Desde o seu punto de vista, esta actitude supostamente inamovíbel da Xunta “invalida calquera mesa de diálogo” porque, entende, non dará cabida a outra resolución que non sexa que a celulosa continúe onde está.

De feito, hai escasos días Feixoo mesmo chegou a dicir que Galiza tiña a necesidade de contar con dúas destas industrias e non só con Ence en Pontevedra.

Culpa ás decisións do PP

En todo caso, a asociación non só ten o foco no país, senón tamén na actuación do Goberno do Estado español pois, durante “a súa etapa popular”, “encartouse aos intereses empresariais” para ampliar os tempos de Ence “concedéndolle unha prorroga ilexítima e contraria á lei”.

Tanto dentro como fóra das nosas fronteiras responsabiliza ao Partido Popular do actual conflito. E aclara que cando fala da legalidade refírese á reforma da Lei de Costas de 2013 que estabelece “que esta clases de terreos resérvanse para aquelas actividades que os precisen para levar a cabo, o que non é o caso de Ence”.

Aliás incide en que “o límite máximo de permanencia de 75 anos (...) vén fixado na Lei de Patrimonio do Estado”, mandato que é “de obrigado cumprimento para a fábrica” situada na ría pontevedresa. É dicir, que a mudanza non viría só impulsada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica.

Por tanto, malia que se suprimise o artigo 18 da Lei de Cambio Climático, que aborda a duración das concesións en terreos de dominio público-marítimo terrestre, “a planta seguiría tendo a súa continuidade en Lourizán comprometida pola lexislación vixente”. Neste contexto, o colectivo pregunta á Xunta se “vai exixir que se elimine esta lei” ou se “seguirá a buscar atallos para sortear a aplicación da lexislación a Ence”.

comentarios