O Ministerio de Defensa gastou 427 millóns en misións da OTAN en 2021

A fragata Blas de Lezo, navegando a ría de Ferrol dirección Mar Negro (Foto: EP).

Pasadas as 10.30 horas do domingo atracaba no arsenal militar de Ferrol a fragata de guerra ‘Blas de Lezo’, tras cinco meses participando nunha operación da OTAN. Facía o propio minutos antes o buque 'Cantabria'. Con este motivo, informamos do gasto do Ministerio de Defensa nas misións realizadas coa OTAN.

O buque de aprovisionamento ‘Cantabria’ e, minutos despois, a fragata de guerra ‘Blas de Lezo’ recalaron na mañá do domingo no arsenal militar de Ferrol. Fixérono tras participaren nunha misión con buques da OTAN no mar Mediterráneo. A ‘Blas de Lezo’ partira o 25 de xaneiro de Ferrol para exercer labores de “vixilancia reforzada” e de “apoio” no marco da operación Sea Guardian. Tamén fixo parte de exercicios organizados pola mariña italiana.

Formaron parte da fragata 212 militares, e do buque ‘Cantabria’ outros 140. A participación do Exército español na operación Sea Guardian, de loita contra o “terrorismo” no Mediterráneo, custou en 2021 un total de 34 millóns. Un ano antes, o custo fora de 25 millóns. Descoñécese aínda o importe destinado a esta actividade en 2022.

427 millóns nas operacións de 2021

Segundo datos do Ministerio de Defensa español, as operacións decorridas en 2021 da man da OTAN supuxeron un gasto de máis de 427 millóns de euros só neste departamento (descoñécense as achegas doutros Ministerios derivadas da participación na alianza militar).

Entre as misións nas que participa o Exército español, destaca a despregada no Báltico, onde, en 2021, participaron até 462 efectivos. Esta operación comezou en 2004, tras a incorporación de Estonia, Letonia e Lituania á OTAN, o que supuxo a ampliación do espazo aéreo da alianza militar ao nordeste de Europa, na fronteira con Rusia. Defensa gastou nesta misión o pasado ano máis de 49 millóns.

Tamén participa España na operación que ten como fin “protexer a poboación de Adana”, en Turquía, onde participaron 456 militares. O Ministerio gastou 36 millóns en 2021 e 29 millóns en 2020.

A participación no Iraq e nos grupos navais permanentes é a que representa unha maior contía

Ademais, desde 2015 o Exército español opera no Iraq, co obxectivo de “derrotar o Daesh”, así como realizando funcións de asesoramento ao Goberno iraquí, segundo o Ministerio de Defensa español, que informa de que a misión no Iraq en 2021 tivo un custo de 107 millóns e de 99 millóns en 2020.

A respecto da participación nos Grupos navais permanentes da OTAN, con actuacións no Mediterráneo, Mar Negro, Báltico e Corredor Sur (de Ormuz ao Canal de Suez), o custo ascendeu a 161 millóns en 2021, e a 151 millóns en 2020.

O Exército español conta ademais cunha presenza permanente en Letonia que lle custou a Defensa 85 millóns en 2021 e 73 millóns en 2020. Tamén participa na misión en Bulgaria, da que se descoñecen datos económicos, mais que conta con catro avións de combate, medios aéreos e 130 militares.