Milleiros de persoas mobilízanse na Galiza en solidariedade con Palestina

Manifestación en solidariedade co pobo palestino, este domingo en Vigo (Foto: Nós Diario).
Multitude de persoas saíron ás rúas contra os bombardeos e o asedio de Israel sobre a poboación palestina.

Milleiros de persoas mobilizáronse este domingo en varias cidades na Galiza en solidariedade co pobo palestino e contra os incesantes bombardeos e o asedio que Israel está a realizar sobre a Faixa de Gaza.

"Ante os acontecementos que se están producindo en Palestina", a Asociación Galaico Árabe Jenin, BDS Galiza, Mar de Lumes e Galiza por Palestina convocaron concentracións e manifestacións o domingo ás 12 horas nas cidades da Coruña, Betanzos, Burela, Allariz, Cangas, Carballo, Cee, Pontedeume, Compostela, Ferrol, Lugo, Monforte, Ourense, Pontevedra, Ribeira, Vigo e Vilagarcía.

"A sociedade galega asiste con alarma e indignación aos crimes contra a humanidade en Gaza mentres aumentan a ocupación e os ataques á poboación en Cisxordania. O pobo palestino debe ser libre para decidir o seu destino sen máis inxerencias colonialistas", aseguraron. Ademais, exixiron unha solución política que acabe con estes ataques e "non se conforme coa apertura da entrada de axuda humanitaria".

BDS Galiza repartiu panfletos nos que instou a premer Israel para que "respecte" o dereito internacional, deixando de "ocupar e colonizar" todas as terras palestinas, que recoñeza o dereito fundamental á plena igualdade dos cidadáns árabe-palestinos de Israel e o do dereito de retorno das persoas refuxiadas aos seus fogares e propiedades.

Na capital galega, a choiva non foi quen de parar a solidariedade, e unha multitude de persoas (e de paraugas) ateigou a compostelá praza das Praterías. Un dos asistentes, palestino que reside na Galiza, lamentou que "non queda máis remedio" que saír á rúa para "denunciar un xenocidio" que se executa contra Gaza. 

"Temos que levantar a voz e dicir que: xa abonda! O cheque en branco que deu o Goberno de España e outros occidentais encabezados polos EUA non significa que executen a todo un pobo", criticou. A continuación, incidiu en que alguén que teña conciencia "non pode durmir tranquilo" ante o que ocorre en Gaza. "Se esta executando unha limpeza étnica, mandan á xente do norte ao sur e logo bombardéanos e agora utilizan a propaganda para meter máis medo", lamentou.

En Vigo, unha multitudinaria manifestación percorreu o centro da cidade olívica até chegar á rúa do Principe, na que se coreou, entre outras consignas: O pobo galego, co pobo palestino.

Tamén foron numerosas as persoas que se concentraron na Coruña ao redor do Obelisco, onde unha multitude formou un circulo no medio do cal se realizou a lectura dun manifesto en apoio do pobo palestino.

Concentración en apoio do pobo palestino, este domingo na Coruña (Foto: Nós Diario).

Mesmo sistema que se empregou na cidade das Burgas, onde o lugar escollido para as protestas foi a Delegación estatal de Defensa en Ourense, na que as persoas que se manifestaron berraron: Estado español, cómplice da ocupación.

En Lugo, máis dun centenar de persoas participaron no acto, que tivo lugar diante do Concello da cidade das murallas, e no que as manifestantes que portaron pancartas con lemas como Paremos o xenocidio ou Palestina libre.

Concentración en apoio ao pobo palestino, este domingo en Lugo (Foto: Nós Diario).

Representación institucional

Na manifestación da capital galega participou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, a voceira de Podemos, Isa Serra, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o representante de Anova, Martiño Noriega, entre outros. O Bloque apoiou todas as concentracións que tiveron lugar este domingo no país, mentres que nalgunhas outras tamén acudiron representantes de outras forzas, como é o caso de Marea Atlántica na Coruña ou de Compostela Aberta en Santiago.

Pontón incidiu desde Compostela en que o que sucede en Palestina é un "auténtico xenocidio" e que "non se pode permitir" que iso se realice "coa complicidade" do Estado español nin das institucións da Unión Europea (UE).

Pola súa parte, Serra, tamén desde a capital galega, denunciou que "hai medio millón de persoas que foron desprazadas, segue o bloqueo, seguen os cortes de subministracións e hai máis de 4.000 persoas que foron asasinadas, das cales case a metade son crianzas".

"Regresamos ás rúas para exixir a fin da violencia e para reclamar unha Palestina libre", sinalaron desde Compostela Aberta. "Nada xustifica os ataques sistemáticos contra a poboación civil e a negación de auxilio. Nada xustifica o que Israel está a facer en Gaza", afirmaron desde a Marea Atlántica.