Pontón: “Galiza non se beneficia da súa riqueza eléctrica”

Milleiros de persoas maniféstanse en Compostela co BNG contra a suba dos prezos

BNg

 

O Bloque Nacionalista Galego tomou na maña deste domingo ás rúas de Compostela para protestar contra a carestía da vida e reclamar dos diferentes Gobernos solucións ante a perda de poder adquisitivo do conxunto da sociedade.

Milleiros de persoas, máis de 8.000 segundo os organizadores, manifestáronse polas rúas de Compostela convocados polo BNG para denunciar o empeoramento das condicións de vida para as maiorías sociais e reclamar alternativas fronte a suba dos prezos que está reducindo o poder de compra.

A mobilización do BNG conseguiu unir a colectivos  e sectores especialmente golpeados pola crise. Así, na marcha estiveron presentes transportistas, labregos traballadores de empresas nun situación delicada e autónomos do sector da estética  

Praza da Quintana ateigada

Ana Pontón fechou o acto nunha Praza da Quintana ateigada. Así, a voceira nacional do BNG comezou afirmando que “estamos aquí para cambiar ese guión, para facer valer Galiza, para reclamar  valentía aos gobernos, para que se goberne desde a xustiza social e non desde os consellos de administracións das multinacionais”.

A dirixente nacionalista reparou nos beneficios das compañías eléctricas. “11.050 millóns de euros. Eses foron os beneficios do lobby eléctrico o ano pasado, un aumento de 226%. Iberdrola, Naturgy,  Endesa, e Repsol mentres aquí as industrias electrointensivas están contra as cordas, afirmou Pontón.

“Se a enerxía é fundamental para a nosa economía, para as nosas vidas, por que se deixa nas mans dun puñado de multinacionais que, basicamente, o que buscan é forrarse?”, preguntouse Pontón, quen continuou “pois está claro, polas portas xiratorias que usan PP e PSOE. E aí temos encabezando a lista a Felipe González por Gas Natural e Aznar por Endesa. Pero non son as únicas. Non esquecemos o abrazo a Iberdrola e Bea Mato a Greenalia”.

"Os beneficios emigran”

Pontón criticou que “Galiza non se beneficia da súa riqueza eléctrica” e criticou que “temos os nosos ríos cheos de encoros, os montes cheos de muíños, sufrimos os impactos ambientais e sociais e os beneficios emigran”.

“E este é momento de acabar con esta inxustiza. Acaban de negociar en Europa a excepción ibérica, e paréceme ben. Pero a mesma sensibilidade ten que ter o estado coa excepción galega, unha tarifa eléctrica máis barata para compensarnos polos custes sociais e ambientais. É unha cuestión de xustiza social e de igualdade”, afirmou a voceira nacionalista.

A voceira do BNG explicou as alternativas da súa organización para facer fronte á suba dos prezos. Neste liña, defendeu a “tarifa eléctrica galega, acabar cos beneficios caídos do ceo, empresa pública e galega de enerxía e subirlles os impostas ás eléctricas, para que contribúan a saír desta crise”.

A dirixente nacionalista significou en relación co momento político que “PP é o pasado nunha Galiza que mira cara o futuro, nunha Galiza onde cada vez son máis as persoas que queren un cambio, un cambio real, que permita construír esa outra Galiza posíbel”