Lucía López, responsábel da área de organización do BNG: "O 3 de abril temos que rexeitar a suba de prezos"

Este domingo 3 de abril sairá da compostelá praza 8 de Marzo, ás 12 horas, unha manifestación convocada polo Bloque Nacionalista Galego contra a suba dos prezos e o empobrecemento social. Con motivo desta convocatoria, Nós Diario conversa con Lucía López, responsábel da área de organización do BNG.
Lucía López anima ao pobo galego a manifestarse este domingo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Lucía López anima ao pobo galego a manifestarse este domingo. (Foto: Nós Diario)

—Cales son os motivos que levan o BNG a convocar a mobilización deste domingo en Compostela? 

Esta mobilización, que partirá da praza 8 de Marzo ás 12 horas, é unha resposta en chave galega ante a situación que se está a dar de suba de prezos de maneira xeneralizada e imparábel que, evidentemente, está afectando gravemente ao conxunto do pobo galego e moi especialmente ás clases populares. 

Neste sentido, desde o BNG consideramos necesario dar unha resposta en forma de mobilización que faga ver a resposta social na rúa para exixir medidas como as que o BNG está a defender, pois esta situación non se soluciona cos parches que está a planear o Goberno español senón que require medidas estruturais. 

—E cales son esas as medidas estruturais polas que apostan para afrontar esta crise?

O BNG ten traballada unha serie de alternativas que levamos facendo públicas en encontros con diferentes sectores sociais ao longo de todo este tempo de crise inflacionista. Entre este amplo paquete de medidas que defendemos poderíanse destacar algunhas que son de calado máis fondo como a intervención pública no mercado da enerxía para limitar prezos máximos, a creación dunha empresa pública de enerxía e unha tarifa eléctrica galega, que permita abaratar a factura da luz; a revalorización das pensións, dos salarios e das prestacións conforme ao valor da inflación; e levar a cabo plans de rescate dos sectores produtivos, con especial atención ao agrogandeiro e ao pesqueiro.  

—Como valoran  o 'plan de choque' do Goberno estatal contra a escalada inflacionista?

Tal e como ten exposto a nosa portavoz nacional, Ana Pontón, consideramos que as medidas do Goberno do Estado non van frear esta situación insoportábel para o conxunto das maiorías sociais porque os prezos, tanto o da luz como o dos carburantes, van continuar disparados e sendo inasumíbeis cos niveis salariais e de pensións que temos na Galiza. No noso país os prezos subiron máis que no conxunto do Estado, o que unido ao feito de que temos uns salarios e unhas pensións máis baixas, fai que o pobo galego estea a sufrir dunha maneira moi severa os efectos desta crise.

—Consideran que dentro das competencias da Galiza se poderían adoptar medidas para paliar esta crise?

O Executivo galego ten na súa man ferramentas para facer valer as competencias que temos a nivel da Xunta da Galiza mais o problema é que o propio presidente deste Goberno se atopa de paseo no canto de estar atendendo a situación social que estamos vivindo. Feixoo debería estar pondo sobre a mesa solucións e non pedindo aos demais que fagan, senón facendo e asumindo a parte que lle corresponde como presidente da Xunta da Galiza.

Feixoo anda de paseo por Madrid atendendo os intereses do PP mentres cobra como presidente da Galiza. Desatende os problemas do pobo galego nunhas circunstancias críticas.

 —Que expectativas teñen postas na mobilización do domingo?

O BNG fai un chamado ao conxunto do pobo galego a mobilizarse contra esta escalada de prezos que está a levar ao empobrecemento social. Non pode ser que unha vez máis sexan as clases populares as que paguen a crise. Polo tanto, cremos que é necesario que este domingo teña lugar unha gran mobilización precisamente para canalizar toda esa indignación que neste momento sabemos que existe, como non pode ser de outra maneira.

O protagonismo será dos sectores sociais

"O BNG está traballando desde todas as comarcas do país para popularizar esta convocatoria e que en todos os recunchos da Galiza saiban que o nacionalismo galego estase movendo, coma sempre, na defensa dos intereses do noso pobo", afirma Lucía López. A responsábel da área de organización do BNG fai unha "valoración moi positiva" da resposta aos contactos que a formación nacionalista está a facer con múltiples sectores do país co gallo desta mobilización. "O noso pobo estaba moi necesitado dunha resposta así e aí está o nacionalismo para expresar esa resposta non só nas institucións senón tamén canalizándoa socialmente na rúa", explica. "Atopámonos no proceso de organización de toda a intendencia da manifestación e aí van estar representados moitos sectores e colectivos sociais que están en loita", conclúe Lucía López.
 

Comentarios