Pontón acusa a Xunta de "non ofrecer solucións" á crise mentres Feixoo "segue coa súa xira"

O BNG pide incluír na orde do día do próximo pleno do Parlamento a "comparecencia urxente" de Alberto Núñez Feixoo, a quen acusa de "faltar ao respecto aos galegos".

A voceira nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón lamenta a "falta de respecto" do presidente Núñez Feixoo á cidadanía galega (Foto: Nós Diario).

O BNG solicitará a modificación da orde do día do próximo pleno do Parlamento da Galiza, previsto para a próxima semana, para incluír unha comparecencia urxente do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, ante a crise aberta polo impacto na Galiza da guerra en Ucraína.

Así o avanzou esta quinta feira a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nunha rolda de prensa decorrida na Cámara na que acusou Núñez Feixoo de "faltar ao respecto" aos galegos e galegas por continuar no cargo mentres participa no proceso para a súa elección como presidente do Partido Popular.

"Hoxe [por esta quinta feira] Feixoo visita a Galiza pero vai seguir coa súa xira nesas eleccións ás que só se presenta el", espetou Pontón, que considera que os galegos "non merecen a falta de respecto" que, ao seu xuízo, supón escoitar ao xefe do Goberno galego dicir "que quere marchar a vivir a Madrid porque é un símbolo de liberdade".

Para Pontón, a situación é máis grave ao producirse nun contexto de crise de prezos para moitos sectores produtivos e para a cidadanía galega en xeral provocado polo conflito no leste de Europa. Por tanto, o grupo parlamentario do Bloque rexistrará unha petición para modificar a orde do día do pleno e incluír a comparecencia de Feixoo, que xa foi solicitada na xunta de portavoces da pasada terza feira pero se topou co rexeitamento do grupo maioritario, o PP.

O BNG acusa a Xunta de "non ofrecer solucións" ante o contexto socioeconómico ao que se enfronta a cidadanía galega. "Temos unha escalada de prezos como non se lembraba en 30 anos e a inflación na Galiza medra máis que no Estado. E o Goberno galego segue sendo incapaz de pór unha soa medida sobre a mesa", subliñou Pontón.

Rego acusa o Estado de "eludir" a súa responsabilidade

Por outra parte, o portavoz do Bloque no Congreso, Néstor Rego, cualificou de "inadmisíbel" que o Goberno estatal vaia agardar ao próximo 29 de marzo para adoptar medidas económicas fronte á escala de prezos da luz, o gas e os hidrocarburos, e veu "inxustificábel" que "eluda" a súa responsabilidade "botando a culpa á guerra" en Ucraína.

En rolda de prensa, Rego criticou que o Executivo pareza "non ter présa por actuar" ante a perda de poder adquisitivo que están a sufrir as clases populares e boa parte dos sectores económicos, e que só estea centrado en "botar a culpa a [Vladimir] Putin e á guerra" cando a escalada de prezos na enerxía eléctrica, agravada desde a invasión rusa, "vén de atrás".

Comentarios