Miles de persoas enchen as prazas da Galiza para exixir xustiza para Samuel

Imaxe da concentración que decorreu na Coruña, cidade onde Samuel foi asasinado. (Foto: Lucía Pita)
A resposta da cidadanía á convocatoria de manifestacións e protestas na honra do mozo de 24 anos asasinado na Coruña a pasada fin de semana foi masiva. A coruñesa praza de María Pita estivo ateigada de xente, mais tamén outras localidades concentraron centos de persoas en repulsa polo crime, pois en plena axenda do Orgullo non se descarta a motivación homófoba.

Miles de persoas participaron na tarde desta segunda feira en distintas manifestacións e concentracións de repudia polo brutal crime que acabou coa vida de Samuel Luiz.

As concentracións en lembranza do mozo e pedindo xustiza polo seu asasinato levaron a prazas e rúas de máis de 70 localidades galegas a todo tipo de persoas, que se uniron nunha mensaxe tanxíbel de igualdade e tolerancia. A Coriña, Ourense, Compostela, Viveiro, Vilagarcía, Lugo... Miles de persoas saíron á rúa na galiza, e tamén en diversos untos fóra do país, para rexeitar un asasinato que comocionou A Coruña e Galiza. 

Houbo moitos momentos emotivos, pero tamén esa postura reivindicativa para "que se esclarezan os feitos" nos que persoas mataron Samuel Luiz na zona do Orzán, na Coruña.

De se confirmar a motivación homófoba dos feitos, a poboación tamén quixo rexeitar unha nova agresión contra o colectivo LGBT+.

Tamén en Madrid e en diferentes puntos de Catalunya e o País Valencià se produciron mobilizacións. De feito, desde particulares a entidades, pasando por partidos políticos compartiron vídeos e fotografías dos actos de repulsa a través dos seus perfís en distintas redes sociais.

A mobilización foi, a todas luces, masiva para un contexto de pandemia pero a incredulidade da xente polo sucedido a fixo saír a expresar esa impotencia. De feito, a homenaxe e demanda de xustiza coincide no tempo coas actividades polo orgullo LGTBQI+.

E na residencia Padre Rubinos da Coruña, onde Samuel traballaba como auxiliar de enfermaría, o cadro de persoal e as persoas usuarias realizaron a mediodía un minuto de silencio na súa memoria. Esta iniciativa foi seguida por algunhas entidades e institucións, como o propio Concello coruñés.