“Maricón de merda, ímoste matar”

Samuel Luiz

Contorna de Samuel e testemuñas da agresión apuntan á motivación homófoba da mortal agresión. A Delegación do Goberno español na Galiza non a desbota mais pide "tempo" para que avance a investigación.

A morte de Samuel Luiz está baixo secreto de Sumario e as forzas de seguridade descartan, até o de agora, apuntar a homofobia como motivación da brutal malleira en grupo que rematou coa vida deste rapaz de 24 anos de idade.

Porén, amigos de Samuel e testemuñas da agresión están a relatar nestas horas como, segundo a súa versión, se desenvolveu o mortal ataque que conmociona A Coruña. E neses relatos a diferentes medios hai sempre unha constante: os agresores non paraban de repetir maricón, imos matarte”, “maricón de merda, ímoste matar”.

Explican que todo empezou cun mal entendido porque unha parella pensou que Samuel e unha amiga os estaban a gravar, cando en realidade estaban a facer unha  videochamada a unha terceira amiga que estaba na casa.

Os amigos do falecido contaron en Telecinco como foi a malleira mortal a Samuel.  Lina, unha das persoas que estivo ao seu lado neses instantes, contou que estaban a falar por unha  videochamada cando de súpeto pasaron unha moza e un mozo e "el púxose a berrar que parásemos de gravalos".

"O delegado do Goberno en Galiza, José Miñones, explicou que "non se desbota ningunha das vías" en relación a se se trata dun crime homófobo"

Afirma que, a pesar de explicarlle que non estaban a gravar a ninguén, o mozo volveu en ton ameazante: "Deixa de gravarme se non queres que te mate, maricón".

Foi aquí cando Samuel contestou “maricón de que", e a resposta foi unha puñada e varios golpes. "Ese mozo quería unha pelexa con alguén e tocounos a nós".

A intervención de persoas presentes conseguiu parar a agresión. Samuel entón pediu á súa amiga que lle fose procurar o móbil, que perdera. Cando ela atopou o móbil após buscalo puido ver un barullo de xente. “Empecei a pedir auxilio porque estaban a matar o meu amigo, pedín por favor que non lle pegasen, el estaba inconsciente no chan, había moita xente...".

 Lina quere deixar claro que "foi un crime  homófobo, totalmente. Cando o estaban agredindo dicíanlle 'maricón de merda' e así o dixen no atestado".