Concentracións en sinal de repulsa en máis de 70 vilas

A Policía estuda "todas as vías" para esclarecer o crime de Samuel Luiz

Amizades de Samuel no decorrer da concentración na Coruña. (Foto: M.Dylan / Europa Press)
Malia que aínda non se produciron detencións, a Policía xa tomou declaración a sete persoas como presuntas autoras da malleira que acabou coa vida de Samuel. Dúas amigas que presenciaron a escena aseguran ter escoitado como lle berraban "maricón de merda" mentres o golpeaban, sen posibilidade de se defender da agresión.

Na madrugada da sexta feira ao sábado, Samuel Luiz, residente en Meicende (Arteixo), foi vítima dunha brutal malleira na avenida de Bos Aires (A Coruña) propinada por un numeroso grupo de persoas. Faleceu no Hospital Universitario dúas horas despois, por mor de múltiples contusións na cabeza e o tórax. Hoxe, tres días despois, o crime aínda non foi esclarecido e a investigación fica baixo segredo de sumario.

Entre o domingo e a segunda feira a Policía Nacional tomou declaración a máis dunha decena de persoas, sete delas relacionadas presuntamente coa agresión mortal, mais aínda non se produciron detencións.

"Para de gravar ou mátote, maricón"

A declaración das amigas de Samuel que presenciaron a escena estreitan o cerco sobre a motivación da brutal malleira que rematou coa súa vida. Segundo afirmou Lina, quen o acompañaba no pub Andén, ambos os dous saíron á rúa a fumar un cigarro e contactaron por videochamada cunha terceira persoa, Vanesa, que a través do teléfono foi tamén testemuña do acontecido.

"Pasou un mozo coa súa parella e pensou que estabamos a gravalos. Intentamos aclarar a confusión, mais el encarouse con Samuel e berroulle 'ou paras de gravar ou mátote, maricón'. Viña buscando pelexa", explica Lina, que engade que Samuel lle espetou: "Maricón de que?". Acto seguido, afirma a testemuña, o agresor teríase abalanzado sobre Samuel para comezar a bater nel até que un home interveu para separalos. E o asaltante marchou.

Nese intre, Lina, a petición do seu amigo, que ficaba no chan, volveu ao pub para recuperar o seu móbil. "Cando volvín aos cinco minutos apareceu el cun grupo de xente. Fixen todo o posíbel para salvalo e pedir axuda", di. Mais xa era demasiado tarde. Ao berro de "maricón de merda", o grupo de agresores acabou coa vida do xove Samuel.

As cámaras de vixilancia presentes na zona semellan corroborar a súa versión: unha lea iniciada por unha confusión co teléfono móbil que tería rematado nunha mortal malleira cun marcado carácter homófobo. De feito, a rapaza tería identificado en comisaría o principal autor do crime a través do vídeo gravado nun estabelecemento próximo.

Tampouco foi complicado dar coas persoas implicadas, xa que horas antes da agresión deixaran os seus respectivos DNI nunha discoteca da zona para poder acceder, como parte da nova normativa sociosanitaria.

Non se descarta ningunha hipótese

O delegado do Goberno estatal na Galiza, José Miñones, apuntou onte que os corpos policiais traballan con "todas" as opcións, e asegurou que non se descarta "ningunha das vías", entre elas un posíbel delito de odio. "Estamos nunha primeira fase, tomando declaración a todas as testemuñas, son horas chave para a investigación. A partir de aí saberemos se é un crime homófobo ou non, mais desde logo mostramos a nosa absoluta condena, porque na sociedade na que estamos non se pode permitir o sucedido nesta fin de semana", destacou.

Tamén o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, defendeu que a Policía Nacional está a investigar "de forma exhaustiva" os feitos para poder esclarecelos "á maior brevidade posíbel".

Aliás, incidiu en que "non está excluída ningunha hipótese, se subxace un ánimo de delito de odio ou calquera outro ánimo ou vontade", mais si expresou a súa "intensa preocupación" polos delitos de odio. "Sempre fago este chamamento. Estamos para protexer, para dar resposta e para perseguir este tipo de condutas dunha gravidade máxima e que poñen en tela de xuízo o estado de dereito e os valores democráticos", concluíu.

O pai pide "non politizar" a morte de Samuel

Diferentes colectivos LGBT+ e formacións políticas condenaron onte o asasinato de forma pública, e no Concello da Coruña gardouse un minuto de silencio en lembranza de Samuel. E persoas próximas á familia colocaron no lugar dos feitos flores, imaxes e cartaces para renderlle homenaxe.

Con todo, Maxsoud Luiz, o seu pai, agradeceu onte as mostras de cariño recibidas mais pediu que "este terríbel homicidio non sexa utilizado como bandeira de ninguén" e que para o recordo quede que Samuel "era unha persoa moi boa e alegre que odiaba a violencia". Tamén instou os pais dos agresores a seren eles mesmos "quen leven a comisaría aos seus fillos" para que se faga "xustiza" e os culpábeis sexan detidos.

Mobilizacións en máis de 70 vilas

Centos de persoas repudiaron onte en senllas manifestacións o brutal crime que acabou coa vida de Samuel Luiz. Alén da cidade da Coruña, houbo concentracións en máis de 70 localidades galegas para exixir "que se esclarezan os feitos" e, de se confirmar a motivación homófoba dos feitos, rexeitar unha nova agresión contra o colectivo LGBT+. Tamén en Madrid e en diferentes puntos de Catalunya e o País Valencià se produciron mobilizacións.

E na residencia Padre Rubinos da Coruña, onde Samuel traballaba como auxiliar de enfermaría, o cadro de persoal e as persoas usuarias realizaron a mediodía un minuto de silencio na súa memoria.