Miguel García-Fernández, historiador: "Non pode ser que dependa do profesorado que se estude ou non a historia galega"

O historiador Miguel García-Fernández (Foto: IEGPS).

Miguel García-Fernández é licenciado en Historia coas especialidades de Historia medieval e Historia moderna (USC, 2011) e con grao (USC, 2012), así como experto en Estudos Medievais Europeos (USC, 2012). Colabora no coleccionábel '30 Torres e Castelos para descubrir o Reino da Galiza' e, a respecto desta publicación, conversa con 'Nós Diario' sobre a súa importancia así como a riqueza da historia da Galiza.

—En que consistiu a súa participación neste coleccionábel e como a valora?
A miña participación deriva do convite feito por Héitor Picallo que é un dos referentes na recuperación da historiografía galega enfocada precisamente desde a Galiza e reivindicando todo o potencial que ten o Reino Medieval da Galiza.

Participei con dous castelos, un deles é o de Castro Caldelas, que está perto da miña casa, e que creo que é un bo exemplo do noso patrimonio monumental e da súa importancia na propia contorna. É un castelo que é un auténtico monumento que representa o poder da época, ao igual que acontece co outro castelo que elaborei, que é o de Ribadavia. Estes castelos simbolizan o importante poder que tiveron tanto laicos como eclesiásticos, así como homes e tamén mulleres.

Estes elementos patrimoniais que herdamos en ruínas, reconstruídos ou nun estado de conservación insuficiente, simbolizan o longo proceso histórico galego. Unha historia de noso que temos que recuperar e investigar. Eu son historiador e dedícome en gran medida a investigar e creo que a divulgación é fundamental mais sempre e cando se sustente na investigación directa das nosas fontes. Trátase de recontar a nosa historia con precisión mais sen excesos para sentirnos orgullosos dunha historia que está aí e penso que este coleccionábel é un contributo máis nese sentido.

—Que importancia lle dá, do punto de vista divulgativo e de concienciación, a iniciativas como este coleccionábel de ‘Nós Diario’?
Todas as iniciativas de divulgación, como esta, adoitan ser moi positivas a moitos niveis a pesar da gran dificultade que supón o propio traballo divulgativo. Nós Diario ten divulgado sobre os símbolos nacionais de Galiza, sobre a onomástica e demais aspectos e isto serve para concienciar a sociedade non só sobre o coñecemento destes elementos mais tamén sobre a importancia de os preservar.

Digamos que son un estímulo para a propia investigación e poden espertar o interese dos propios investigadores para precisar moitos máis detalles sobre o noso pasado, polo que a divulgación pode contribuír a avanzar na propia investigación da nosa historia. Ademais, eu sempre digo que os políticos deberían ter nos seus gabinetes asesores históricos para falar con precisión e para nos localizarmos no presente. Algo que é fundamental no diálogo entre o presente, o pasado e o futuro.

—Mencionaba o estado de conservación dalgún destes elementos patrimoniais. Pensa que isto é unha materia pendente na Galiza?
En boa medida si, por unha parte é difícil que sexamos conscientes da nosa riqueza e do noso patrimonio se non se conserva en bo estado e se non se divulga. No ámbito galego debemos coñecer e inventariar o noso patrimonio histórico e cultural e tamén é preciso limpar e conservar e potenciar medidas de interacción destes bens e fortalecer a investigación neste sentido.

Falta concienciación, social por unha parte, mais tamén política xa que é vital o compromiso das Administracións para solucionar este problema. Cando insistimos no potencial que teñen estes castelos e estas torres vemos que moitas veces non se traballa en limpalos e en pólos en valor, algo que mesmo pode atraer riqueza. Temos que seguir a dar pasos que poder sentírmonos orgullosos da Galiza.

—No ámbito do ensino. Débese impulsar no ensino público galego a ensinanza da historia do país?
É indubidábel que integrar o coñecemento da historia galega en todas as etapas da ensinanza é fundamental, unha obriga. Si que me gustaría indicar que no ámbito universitario si que se fixeron grandes investigacións sobre a historia da Galiza e por iso creo que, polo menos na universidade, a historia da Galiza goza de boa saúde.

Agora ben, débese traballar para integrar todo este coñecemento noutras etapas do ensino público. Sobre todo na secundaria debemos redobrar esforzos porque non pode ser que a integración da historia da Galiza derive da vontade exclusiva do profesorado de completar os currículos escolares. Debería haber un compromiso máis amplo e promover a xeración de materiais de guías didácticas centradas en como integrar de verdade todas as realidades da nosa historia.