A fronteira con Portugal abre tres meses despois e con interrogantes

Ponte internacional entre Tui e Valença. (Foto: Marta Vázquez / Europa Press)
Aínda hai dúbidas sobre quen poderá cruzar a fronteira despois do cruce de declaracións entre a Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Río Miño e a Xunta da Galiza.

O anuncio na noite da quinta feira do primeiro ministro portugués, Antonio Costa, de abrir desde hoxe a fronteira con Galiza, levou a un cruce de declaración entre a Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Río Miño (AECT Río Miño) e a Xunta da Galiza sobre quen pode cruzar a fronteira.

Uxío Benítez, vicedirector da AECT Río Miño, defendeu onte que isto supón que calquera persoa se vai a poder mover con liberdade pola fronteira miñota, “non só os traballadores, senón tamén as persoas que desenvolven a súa vida cotiá ou queren acceder a todo o comercio transfronteirizo” afirmou.

A AECT -explicou Benítez- interpreta que ao ser de competencia estatal o referente á fronteira con Portugal, a decisión do Estado obriga á Xunta da Galiza a permitir que se franquee este paso con normalidade, dado que as competencias do Goberno galego só permiten o feche entre territorios do Estado.

O vicedirector tamén revelou que onte pola mañá falou con Jesús Gamallo, director xeral de Relacións Exteriores da Xunta, quen asumiu que a interpretación feita pola AECT é correcta. Porén, Benítez pediu á Xunta que aclare as dúbidas, “porque quedaría todo mellor para que a cidadanía o entendese ben”.

Poucas horas despois, a Xunta pasáballe a pelota ao Goberno do Estado, o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, laiouse da ausencia de comunicación oficial desde Madrid, “a día de hoxe non temos información e non sabemos cales son os efectos desta apertura da fronteira”.

Tamén pediu que o Executivo estatal aporte claridade a esta cuestión, até que iso chegue, desdixo a Gamallo e indicou que os movementos entre Galiza e Portugal quedan "circunscritos a razóns xustificadas”.

Reactivar a zona

Benítez anunciou que a AECT Río Miño vai presentar de xeito inminente un plan de reactivación da economía dos concellos fronteirizos que compense o feche con fondos procedentes da Unión Europea.

Aínda que a fronteira abra un día antes ou despois o dano económico xa está feito, sinalou Benítez, que apuntou que “se se crean os Next Generation para reactivar os estados membros hai que reactivar dobremente os territorios que foron dobremente danados”. 

Asemade, Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, amosou a súa satisfacción pola apertura e salientou que hai moitas persoas que viven da interrelación económica que xera a zona.