Concellos e Cámaras da 'raia' instan a Xunta a non impedir a mobilidade transfronteiriza

Probas do coronavirus en Portugal. (Foto: Pedro Fiuza / Zuma Press)

Mentres o Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial (AECT) Rio Minho demanda que se levante o fechamento perimetral para os núcleos con intereses comúns, o Goberno galego xa pediu ao Executivo do Estado español que “garanta” o control na fronteira para evitar que a reapertura de Portugal provoque saídas e entradas inxustificadas na Galiza.

O Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial (AECT) Rio Minho, formado por concellos galegos e cámaras lusas, quere retomar a normalidade nos desprazamentos nunha zona de intereses e servizos comúns. Así o manifestaron hoxe por boca do seu vicedirector, Uxío Benítez, que pediu á Xunta que non complique a mobilidade na fronteira unha vez Portugal estea accesíbel.

Nos últimos meses o fechamento de varios pasos na 'raia' e o incremento dos controis por parte das autoridades deron como resultado perdas e moitos problemas a traballadoras e traballadores de ambos estados, que estaban acostumados ao desprazamento e que tiveron que mudar as súas rutinas pola pandemia sen que as administracións tiveran en conta as circunstancias especiais.

De feito, na zona hai varias eurocidades que comparten algunhas instalacións, non só persoal das empresas.

Polo que transcendeu até agora, o Goberno galego ten previsto manter as prohibicións actuais, o que desde o punto de vista de Benítez implica pór “máis paus nas rodas” do territorio miñoto, que segue a sumar perdas.

O representante manda unha mensaxe a San Caetano lembrando que “non ten competencias nin poder de decisión sobre as fronteiras exteriores, como é a do Miño”.

Polo tanto, non habería cabida para as prohibicións, pois daríanse decisións superpostas.

Porén, o vicepresidente do Executivo galego, Alfonso Rueda, xa pediu ao ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, que garanta os controis nos pasos transfronteirizos.