Familiares de residentes en DomusVi cuestionan a calidade da alimentación que reciben

Residencia DomusVi en San Lázaro, Compostela (Arxina).

Apuntan a que a empresa só inviste tres euros ao día por interna en alimentación, e que unha única nutricionista, asentada en Barcelona, encárgase dos menús de todas as súas residencias.

As persoas residentes na residencia DomusVi de San Lázaro están recibindo unha “mala alimentación” por parte da empresa. Así o expresa para Nós Diario Javier Quián, voceiro da plataforma de familiares de residentes.

Quián, que conta cunha tía interna no centro, explica como DomusVi só conta cunha nutricionista, e non por centro, senón para todas as ducias deles que ten a empresa repartidas por todo o territorio do Estado español.

“A miña tía engordou até dez quilos desde que entrou alí, e todas as súas enfermidades empeoraron por ese motivo, pasándolle factura a mala alimentación que lle ofrecían”, revela, engadindo que a problemática non é exclusiva de DomusVi San Lázaro, senón que tamén se repite nos centros de Aldán e Barreiro.

O principal problema con respecto da alimentación é a “baixa calidade”. “A carne é moi mala, sen nutrientes, dan cousas como salchichas... o peixe tamén é do peor, e ademais non ofrecen menús variados nin equilibrados, programando cousas como sopa de cocido de primeiro e cocido de segundo, ou ofrecendo sempre froita ou iogur de sobremesa –comenta Javier Quián-, claro, logo explícaste como é posíbel que alimenten a unha persoa por só tres euros ao día”.

A conclusión, para o voceiro da plataforma de familiares de residentes é que en DomusVi “venden fume, e non é que o diga eu, pois tamén o detectaron moitos familiares. É unha mágoa o que pasa nun centro no que impos por 38 mortos e no cal seguimos sen explicarnos porque a Xunta de Galiza continúa sen intervir”.