O 10 de decembro de 2020 retornou ao dominio público

Meirás, un ano despois: sensacións "agridoces" e o seu futuro no ar

A xuíza Canales entregou as chaves do pazo á avogada do Estado Consuelo Castro nun acto celebrado o 10 de decembro de 2020 (Foto: M. Dylan / Europa Press).
Un intento frustrado de "mudanza", un xuízo contra un investigador e diferentes e contraditorias sentenzas sobre a titularidade do mobiliario e a posibilidade de indemnizar os Franco, cruce de acusacións entre Administracións... Os últimos 365 días, desde que o Pazo de Meirás volveu ao dominio público, foron frenéticos para un movemento memorialista que lembra que o futuro do edificio aínda non se decidiu.

Esta sexta feira cúmprese xustamente un ano desde que o Pazo de Meirás retornou de forma oficial a mans do Estado. Aquel 10 de decembro a xuíza Marta Canales, titular do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña, que decretou a devolución do recinto ao dominio público, entregou as chaves á avogada do Estado Consuelo Castro Rei, nun acto cargado de simbolismo que explicitaba a primeira derrota do franquismo nos tribunais.

O Tribunal Supremo terá a última palabra

Porén, malia a xovialidade da xornada aínda quedaba moito camiño por percorrer, xa que a familia Franco presentou un recurso de apelación perante a Audiencia Provincial, que foi rexeitado o 12 de febreiro de 2021. Mais esta nova resolución xudicial, se ben ratificou o Estado como lexítimo propietario do recinto, tamén abriu a porta a que os herdeiros do ditador fosen indemnizados ao entender que posuíran o inmóbel "de forma pública, pacífica, ininterrompida e de boa fe" e, polo tanto, tiñan dereito a cobrar polos "gastos útiles e necesarios" da xestión do pazo entre 1938 e 1975. Se ben a lei estabelece que os "necesarios" cómpre abonalos incluso aos posuidores de "mala fe", os "útiles" só corresponderían no caso de se demostrar a citada "mala fe".

O Concello de Sada foi a primeira Administración implicada en recorrer este punto no Tribunal Supremo, e poucos días despois, por mor da presión dos colectivos memorialistas, sumáronse ao recurso o Concello e a Deputación da Coruña, a Xunta da Galiza e o Goberno estatal. Tamén os Franco protestaron a través desta vía, mais co obxectivo de recuperar a titularidade do pazo. Mentres o Supremo non se pronuncie a respecto destas dúas cuestións, o futuro de Meirás fica no ar.

A "boa" ou "mala" fe será determinante no litixio polo pazo

"A cuestión da boa fe é esencial para determinar a propiedade do edificio, que é o núcleo do preito. Os Franco din que en ningún caso pode pasar ao Estado, mais nós entendemos que si porque foi o posuidor durante a ditadura, e xestionaba Meirás igual que o Pazo do Pardo [en Madrid] ou calquera outro edificio de titularidade estatal. Con independencia da escritura, que foi fraudulenta, cando se atribúe a propiedade a Franco entendemos que evidentemente pertence ao Estado, e así debe seguir sendo", sinala a Nós Diario o avogado do Concello de Sada, Miguel Torres.

A Audiencia xustificara a "boa fe" dos herdeiros do ditador argüíndo a "falta de probas" de que a familia do ditador tivese sido consciente de que o contrato de compravenda asinado en 1941 era "fraudulento", algo que este tribunal si recoñeceu. Mais Torres salienta que a parte demandada tampouco acreditou en ningún momento ter actuado de "boa fe".

Xuízo contra Carlos Babío

O mesmo día en que a Audiencia Provincial emitiu esta sentenza, Carlos Babío, investigador e coautor do libro Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio, declaraba ante a Xustiza pola vía penal acusado polos Franco por un presunto delito de "inxurias e calumnias continuadas" tras a súa intervención nun programa de televisión no que relataba, precisamente, o que reflicte a súa obra froito de varios anos de investigación.

A finais de maio volveu sentar no banco dos acusados polos mesmos feitos, mais desta volta a través da vía civil pola suposta "vulneración do dereito á honra e á intimidade persoal e familiar e da propia imaxe", unha acusación da que foi absolto apenas dúas semanas despois ao desestimar a demanda interposta polos avogados da familia do ditador.

"As persoas e institucións que loitamos contra a impunidade do franquismo acabamos nun xulgado por denunciar que foi unha ditadura na que se roubou e abusou da xente. É unha anomalía democrática, o mundo ao revés", sostén Babío, en conversa con este xornal. Noutra orde, o pasado novembro a Xustiza sobreseu provisionalmente a causa aberta contra os '19 de Meirás' pola toma simbólica do pazo en 2017.

Os bens móbeis, en disputa

O pasado 20 de abril, a Audiencia Provincial revogou o auto asinado por Marta Canales, no que se ordenaba depositar a favor do Estado todos os bens móbeis e accesorios do Pazo de Meirás. Nove días despois, o Xulgado de Primeira Instancia atendeu a petición dos Franco, após coñecer a decisión da Audiencia, de dispor dun prazo [dun mes] para realizar a "mudanza" e levar todo o mobiliario, incluídas as estatuas do Mestre Mateo e a biblioteca de Emilia Pardo Bazán, que, ao estaren protexidos baixo a denominación de Ben de Interese Cultural (BIC), non se poden retirar sen o consentimento do Goberno galego. O avogado da familia, Luis Felipe Utrera-Molina, solicitouno ante a Xunta, que non chegou a autorizar o traslado.

A familia Franco intentou retirar o mobiliario cun camión de mudanzas

O Parlamento galego acordou o 5 de maio, por unanimidade, instar o Executivo de Alberto Núñez Feixoo a modificar o decreto que regula o BIC do Pazo de Meirás para incluír os bens móbeis, algo que aínda non se concretou. "A declaración de BIC é fundamental, e por iso o Concello sempre instou a Xunta a facelo, porque é a Administración competente. Parécenos esencial para a significación do conxunto histórico-artístico do pazo", di Miguel Torres.

O Goberno sadense encargou recentemente ao historiador Manuel Pérez Lorenzo, coautor do libro sobre Meirás, a elaboración dun inventario dos perto de 800 bens móbeis do pazo. "A intención deste informe é delimitar que bens estaban no recinto antes de 1938 e cales foron engadidos durante a ditadura. Os primeiros estarían afectados pola operación que permitiu que o pazo chegase a mans do ditador, e polo mesmo procedemento agora deberían retornar ao dominio público de forma conxunta co inmóbel. E os segundos foron incorporados a un edificio que ten a consideración de 'público', ao tratarse dunha das residencias do xefe do Estado. Moitos proceden do patrimonio nacional, e outros foron simplemente espoliados ao pobo. Deben ficar no pazo todos os bens que encaixen nunha destas categorías", explica a Nós Diario. O Estado só reclamou a propiedade de 133 bens.

"Non falamos dos pantalóns ou o neceser do neto de Franco, senón de elementos cun enorme valor histórico e cultural", sinala Carlos Babío. Entre o mobiliario, que segundo Manuel Pérez está "moi mal conservado", atópase a mesa na que Emilia Pardo Bazán escribiu parte da súa obra. Mais o significado destes móbeis vai máis aló da figura da escritora: "Trátase dun edificio que focalizaba o poder político cada verán. Alí celebráronse Consellos de Ministros e asináronse decretos-lei como o que en 1975 permitiu executar os últimos cinco presos da ditadura. É, probabelmente, o maior símbolo da impunidade franquista xunto co Val dos Caídos", sostén o historiador.

Os Franco intentaron trasladar o mobiliario o 6 de maio cun camión de mudanzas ao que as autoridades estatais competentes impediron o paso. Cinco días despois, a Xustiza coruñesa suspendeu o prazo que se concedera aos herdeiros do ditador para retiralos. E o 20 de maio prohibiu todas as actuacións en Meirás até a celebración do litixio polo mobiliario, que decorrerá os días 13 e 14 de xaneiro de 2022.

O papel das institucións

O 26 de xuño a daquela vicepresidenta primeira do Goberno estatal, Carmen Calvo, encabezou un acto institucional en Meirás sen a presenza do movemento memorialista, que se concentrou ás portas do recinto exixindo "máis feitos e menos fotos".

"As Administracións, nomeadamente a Xunta e o Estado, están cando nos estamos, e desaparecen cando deixamos de mobilizarnos. O Goberno galego é quen realmente ten competencias para protexer os móbeis, mais só se move na medida en que o facemos nós. Este foi un ano agridoce pola actitude das institucións, que botan as culpas as unhas ás outras e, mentres, a casa sen varrer", lamenta Babío. As vítimas do fascismo puideron visitar o pazo a comezos de xullo, días antes de que os xardíns —o interior do edificio aínda non é accesíbel— volvesen abrir para o público xeral.

Entre o resarcimento das vítimas e Pardo Bazán

A Xunta celebrou en setembro a cerimonia de entrega das Medallas Pardo Bazán en Meirás, unha decisión moi criticada tanto polo movemento feminista como polo memorialista.

"É moi evidente que o recinto está intimamente ligado á escritora, que foi quen deseñou, construíu e habitou as torres e merece un espazo. Mais o pazo non retornou a mans públicas por terlle pertencido, senón porque o posuíu Franco a través de coaccións e represión, e por iso debe servir para explicar como funciona unha ditadura e que consecuencias ten, porque conta cun valor pedagóxico enorme", expón Pérez Lorenzo.

Babío, así mesmo, lembra que o franquismo "non só quería matar, que tamén, senón borrar os seus inimigos da historia". Por iso, di, cómpre resignificar Meirás para contribuír a que os seus nomes "non desaparezan".