O complexo eléctrico afectaría a Rede Natura

Unha mega central hidroeléctrica ameaza con anegar O Valadouro

Vista da comarca do Valadouro desde Vilacampa. (Foto Nós Diario).

Unha central hidroeléctrica de bombeo ameaza con anegar O Valadouro. O proxecto, impulsado polo grupo aragonés Atalaya Generación, prevé erguer dous grandes encoros cunha potencia instalada de 936 megawatts, converténdose así no complexo hidráulico máis grande da Galiza.

 

A febre das centrais de bombeo chegou á Galiza. Actualmente, atópase en proxecto uncomplexo no lago das Encrobas en Cerceda, impulsado pola madrileña Capital Energy, outro nos encoros de Cenza e O Bao, no concello de Vilariño de Conso, promovido por Iberdrola, e un terceiro a carón dos saltos de Prada e Santa Eulalia, situados nos concellos da Veiga e do Bolo, proxectado pola andaluza Magtel. A maiores, Naturgy prevé unha instalación análoga entre as presas das Conchas e de Salas, nos municipios de Bande e de Muíños e Reganosa e a portuguesa EDP no lago das Pontes.

Centrais de bombeo

As centrais hidráulicas de bombeo ou reversíbeis son un tipo de instalación para a xeración eléctrica que conta con dous encoros a distinta altura que permiten almacenar a auga nos momentos de menor demanda e aproveitala para producir enerxía nas horas de maior consumo co obxectivo de satisfacer toda a demanda eléctrica. Así, nas horas val úsase a enerxía sobrante para elevar a contida no encoro situado a maior altura e nas horas pico funciona como unha planta hidroeléctrica convencional, enviando auga do encoro superior ao inferior.

O último proxecto na Galiza con esta tecnoloxía está promovido polo grupo Atalaya Generación. A compañía ten a súa sede fiscal en Zaragoza e está dirixida desde a súa fundación en 2015 por Miguel Ángel  Franc e Pedro Machín, empresarios ligados ao sector das enerxías renovábeis desde os anos 90, que están a promover ducias de proxectos no conxunto do Estado español, na Arxentina e Francia.

Atalaya Generación prevé erguer nos concellos de Alfoz e Ferreira do Valadouro unha central de bombeo cunha potencia instalada de 936 megawatts. Así, o complexo multiplica por catro a capacidade de xeración do encoro de Belesar e por seis o do salto dos Peares, situándose á cabeza da Galiza das instalacións de produción de electricidade de orixe hidráulico.

Vilacampa e Recaré

Os encoros prevense nas parroquias valadouresas de Vilacampa e Recaré. O máis elevado deles localizaríase en Vilacampa, un núcleo situado en plena serra do Xistral e cunha extensión de 73,2 hectáreas. A balsa inferior situaríase na Granda de Bao da parroquia de Recaré, moi perto da capitalidade da comarca, Ferreira do Valadouro, e contaría cunha extensión de 49,9 hectáreas. Un e outro aparecen unidos por tubarias e túneles de aproximadamente dez metros de diámetro, destacando pola súa proximidade ás vivendas.

A propia promotora recoñece o alto impacto ambiental do proxecto. Así, na súa memoria sinálase que a central hidráulica "atópase dentro da Reserva da Biosfera Terras do Miño, das  Zonas de Especial Conservación (ZEC) Serra do Xistral e Río Ouro, das Zonas Protexidas de Augas Potábeis Poligonais Ortegal-A Mariña e Ribadeo-Valadouro, e sobre a Reserva Natural Fluvial do Río Cobo".

A asociación ecoloxista Petón do Lobo denuncia a "afección moi severa e os prexuízos irreparábeis para a Rede Natura 2000". "Cómpre ter en conta que as especies non entenden de límites xeográficos e que o mantemento da conectividade ecolóxica é fundamental para o mantemento dos ecosistemas e da coherencia da propia Rede", apunta o colectivo.

Rede Natura

O impacto sobre a Rede Natura é advertido pola impulsora da central no proxecto presentado. Mesmo destaca que "o posterior Estudo de Impacto Ambiental deberá incluír un Estudo de Afeccións á Rede Natura 2000 no que se determine se o proxecto xerará ou non un prexuízo á coherencia da Rede Natura 2000 e á integridade das ZEC Serra do Xistral e Río Ouro".

As zonas onde está prevista a instalación son de relevo desde a perspectiva agraria, gandeira e forestal. Neste sentido, desde a plataforma de afectados constituída no Valadouro sinalan a Nós Diario que "en Recaré afecta directamente a catro explotacións de carne e unha de leite". Ao tempo, destacan que "en Vilacampa aparece moi afectada a comunidade de montes que mantén gando ceibo e particulares, como un rapaz de 27 anos que vén de incorporarse recentemente á actividade agraria cunha explotación de carne e cabalo galego mercando unha finca de 17 hectáreas e agora a parcela aparece ocupada polo encoro".

O Sindicato Labrego Galego  denuncia que  "quilómetros de terras agrarias absolutamente anegadas, muros de máis de 50 metros de altura a escasa distancia das casas, chemineas de case 200 metros e máis de trinta túneles perforando O Valadouro converterían este entorno natural de importantísimo valor ecolóxico, agrario e paisaxístico nun espazo medioambiental absolutamente estrangulado".

Constituída a plataforma veciñal

O anuncio de erguer unha central hidroeléctrica de bombeo non deixa ninguén indiferente no Valadouro. A un lado os alcaldes socialistas de Alfoz e Ferreira do Valadouro defenden os beneficios do proxecto. Doutro, a veciñanza afectada, que vén de constituír a Plataforma de Veciños Afectados pola Macrocentral Hidroeléctrica Xistral, nunha asemblea decorrida a sexta feira de 5 de febreiro coa presenza de arredor de 250 persoas.

O colectivo veciñal sinala que "estamos en desacordo co proxecto. É unha aberración, máxime cando non hai nada previo, anegar unha zona de tanta riqueza agroforestal". Ao tempo, destacan que "o número de empregos previsto na mesma, máis alá da fase de construción, é moi reducido". Neste sentido, lembran que o encoro de Belesar ocupa hoxe tres traballadores a xornada completa.