O encoro está localizado en plena serra do Xistral

Unha empresa aragonesa proxecta na Mariña a maior central hidráulica de bombeo da Galiza

As potencialidades hidráulicas do país convérteno nun lugar desexado para as compañías enerxéticas. Sen ir máis lonxe, nos últimos meses presentáronse cinco proxectos para xerar electricidade mediante esa tecnoloxía. O grupo aragonés Atalaya Generación é o último en sumarse ao negocio.

Un dos encoros que a multinacional Iberdrola ten na Galiza (Foto: Nós Diario)
photo_camera Un dos encoros que a multinacional Iberdrola ten na Galiza (Foto: Nós Diario)

Atalaya Generación prevé erguer unha central hidroeléctrica reversíbel cunha potencia total de 936 megawatts na comarca da Mariña. O portal do Ministerio de Transición Ecolóxica xa recolle no trámite de exposición pública o proxecto presentado pola sociedade Desarrollos Generación, unha filial de Atalaya Generación.

A central denominada Xistral localízase nesa área xeográfica. Así, os concellos directamente afectados son os de Alfoz, Cervo, Ourol, O Valadouro e Xove. Precisamente a  da serra do Xistral é o espazo da rede natura galega con máis instalacións para a produción eléctrica.  

Atalaya Generación

Atalaya Generación é un grupo con sede fiscal en Zaragoza fundado en 2015 por Miguel Ángel  Franc e Pedro Machín. Estes empresarios ligados ao sector das enerxías renovábeis desde os anos 90 están a promover ducias de proxectos no conxunto do Estado e están presentes en Arxentina, Francia e Estado español

A compañía defínese na súa páxina web como “nova, pero somos afortunados de contar cun equipo de profesionais con máis de 25 anos no sector e que suma máis de 5.000 megawatts de deseño, desenvolvemento e construción de proxectos de parques fotovoltaicos, eólicos e de biomasa”.

A iniciativa deste grupo aragonés foi a última en chegar a Galiza dentro das iniciativas de centrais hidráulicas de bombeo. Neste sentido, a compañía madrileña Capital Energy, propiedade do ex xenro de Florentino Pérez, Jesús Martín Buezas, impulsa unha instalación hidráulica no lago das Encrobas en Cerceda. Pola súa banda, Iberdrola traballa nun proxecto para unir os encoros de Cenza e O Bao, no concello de Vilariño de Conso, incrementando a súa capacidade de produción en 900 megawatts.

O proxecto da andaluza Magtel

A andaluza Magtel ten solicitado autorización para erguer un central hidráulica reversíbel cunha potencia de 160 megawatts a carón dos encoros de Prada e Santa Eulalia, situados nos concellos da Veiga e do Bolo. A obra implica, en palabras de Adega, “furar o Macico Central” nun “territorio incluído na proposta de ampliación da Rede Natura  que comezou a tramitar a Xunta no ano 2008”. 

Naturgy impulsa outra instalación análoga entre as presas das Conchas e de Salas, localizadas nos municipios de Bande e de Muiños, cun investimento de aproximadamente 350 millóns de euros e unha capacidade de xeración de 340 megawatts.

A galega Reganosa e a portuguesa EDP prevé erguer unha central hidroeléctrica de bombeo no lago das Pontes cunha potencia instalada de xeración de 570 megawatts Neste caso, a instalación está asociada a un proxecto que tamén inclúe unha planta de hidróxeno de 100 megawatts e novas dotacións eólicas cunha capacidade de xeración de 270 megawatts.

Comentarios