33,4% da superficie do espazo protexido, ocupada por instalacións eólicas

54 parques eólicos instalados na Rede Natura

54 parques eólicos cunha potencia total de 1.254,7 megawatts están instalados en terreos da Rede Natura. Malia que a Galiza é o territorio do Estado con menos superficie sometida a este tipo de protección, 107.063 hectáreas da mesma están ocupadas por instalacións eólicas.
eolicos
photo_camera Parque eólico no Monte Seixo na Serra do Cando. (Foto: Calros Solla)

A Rede Natura 2000 é unha malla coherente de espazos naturais protexidos creada coa finalidade de conservar ou restaurar a un estado de conservación favorábel a fauna, a flora e os seus hábitats. Mediante esta ferramenta de conservación común a todos os Estados europeos preténdese conservar o patrimonio natural da Unión Europea e garantir a sustentabilidade, atendo as necesidades económicas, sociais e culturais. Actualmente incorpora en exclusiva 12% da superficie galega, un espazo moi reducido se temos en conta que algunhas das súas figuras de protección favorecen o 27,35% do conxunto do territorio estatal.

A escasa extensión da Rede Natura é obxecto de críticas polas autoridades comunitarias, que teñen demandado de modo reiterado ao Goberno galego a súa ampliación. Así, por exemplo, o “Marco de Acción Prioritaria (MAP) para Natura 2000 na Galiza”, elaborado polo Executivo do Estado, sinala que “a actual lista de lugares de importancia comunitaria (LIC) na Galiza foi considerada como insuficiente por parte da Comisión Europea, polo que é preciso completar a aplicación na Galiza da Directiva 92/43/CEE”. Malia a isto, o Goberno galego ten paralizada desde 2012 a elaboración desta nova normativa.

A Rede Natura na Galiza está formada aproximadamente por 320.000 hectáreas, mais 107.063 son ocupadas por instalacións eólicas. Segundo datos achegados polo Observatorio Eólico da Galiza, recollidos no Informe da Comisión Técnica Temporal sobre enerxía e paisaxes culturais na Galiza do Consello da Cultura Galega, “nalgúns casos, case a totalidade da Rede Natura” é ocupada por complexos eólicos, como acontece nos espazos protexidos de Brañas do Xestoso en Silleda, Estaca de Bares en Mañón, Monte Maior en Viveiro, Monte Aloia en Tui ou Xubia-Castro na zona do Eume.

1.254,7 megawatts en Rede Natura

Cincuenta e catro parques eólicos cunha potencia total instalada de 1.254,7 megawatts aséntanse na Rede Natura. Así, o Observatorio Eólico da Galiza destaca que 28 deles localízanse na área protexida da Serra de Xistral, onde se xeran 649 megawatts, destacando dentro destes pola súa potencia o EGG-3 con 79,50 megawatts, o EGG-2 con 66 megawatts, o de Carba con 44 megawatts e o de Buio con 40,30 megawatts. Precisamente nesta zona, prodúcese a maior concentracións eólica da Galiza, centrada en Muras con 377 aeroxeradores instalados, Abadín con 200 e Ourol con 167.

A situación está chamada a empeorar na serra do Xistral. Segundo o colectivo Rebinxe, impulsado por docentes do Instituto de Mondoñedo e que desenvolven nesta zona o seu traballo, nesta área atópanse sete parques en solicitude e un en tramitación en territorios incluídos na proposta de ampliación da Rede Natura sometida a exposición pública pola Xunta da Galiza entre finais de 2011 e marzo de 2012 e paralizada desde aquela data.

O caso do Xistral repítese ao longo de toda a Galiza. Segundo un estudo do biólogo Martiño Cabana, en base a datos extraídos do Rexistro Eólico da Galiza, 30 parques con 136 aeroxeradores estanse tramitando nestas zonas que a ampliación da Rede Natura de 2011 fixa como protexidas. Precisamente, a Lei 8/2009, de aproveitamento eólico da Galiza, no seu artigo 32 exclúe da implantación de parques eólicos aqueles espazos naturais declarados como zonas de especial protección dos valores naturais por formar parte da Rede Natura.

Serra do Suído

A Serra do Suído é outro bo exemplo disto. Situada nos concellos de Avión, Beariz, A Lama, Fornelos de Montes e Covelo destaca polos seus elementos ambientais e patrimoniais, salientando entre o primeiro as grandes fragas de bosque autóctono e entre os segundos unha abundante presenza de mámoas e os coñecidos como chozos do Suído, unhas edificacións que durante séculos foron empregadas pola veciñanza de case todas as parroquias de Avión.  

Un informe elaborado polo colectivo Rebinxe afirma que na prevista área de protección Serra do Suído están proxectados 11 parques eólicos. Tres deles, os denominados Suído, Puza e Laxabranca, atópanse en fase de solicitude e oito, os coñecidos como Bidoas, Coto Redondo, Bidueiros Fase II, Covelo, Coto de Gallas, Moncelo, Edreira I e Coto de Airas, en tramitación.

A mesma realidade dáse na Serra da Groba, un sistema montañoso que atravesa os concellos miñotos de Baiona, Oia e O Rosal, onde se proxectan actualmente seis parques eólicos, con 44 aeroxeradores, cunha altura total cada un de 229,5 metros.

A Rede Natura á intemperie

A Comisión Europea leva practicamente dúas décadas premendo o Executivo galego para que aumente o ámbito da Rede Natura na Galiza. As dúas iniciativas promovidas nese períodos foron paralizadas polo Goberno de Núñez Feixoo. As consecuencias están á vista ao longo de toda a Galiza.

Comentarios