Unha moza perde axudas agrarias por estar embarazada e Medio Rural oponse a revisar a situación

Medio Rural non aceptou a revisión dunha convocatoria de axudas para unha agricultora que estaba embarazada. (Foto: Nós Diario).
Un informe da Valedora do Pobo, que a súa titular, Dolores Fernández Galiño levou esta segunda feira ao Parlamento, inclúe un total de 40 asuntos relacionados coa área de igualdade de xénero.

O informe da Valedora do Pobo, que a súa titular, Dolores Fernández Galiño, levou esta segunda feira ao Parlamento, inclúe un total de 40 asuntos relacionados coa área de igualdade de xénero.

A pesar de que a maioría das cuestións expostas pola Defensoría galega foron aceptadas polas entidades ás que se refería, a Consellería do Medio Rural non aceptou a revisión dunha convocatoria de axudas para unha agricultora que estaba embarazada.

Así, a Valedora do Pobo tratou a oportunidade de incorporar a perspectiva de xénero nas bases para a concesión de subvencións no caso dunha muller que perdeu unha axuda para incorporarse á actividade agraria por estar embarazada, e o consecuente permiso de maternidade e lactación en situación de risco.

Esta agricultora solicitou unha axuda para a creación de empresas para persoas agricultoras novas coa fin de incorporar a este colectivo ao ámbito agrario, en virtude dunhas axudas de apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas cofinancidas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). A solicitude foi aprobada e concedéronselle 50.000 euros para a execución do seu plan empresarial.

Paralelamente, esta persoa solicitou unha axuda para o apoio aos investimentos nas explotacións. No momento en que solicitou este segundo pagamento, o servizo territorial de Explotacións Agrarias de Lugo informou de que "a persoa beneficiaria incumpre o requisito de ter a condición de agricultora profesional", xa que o seu informe de vida laboral indica que estaba a traballar a tempo completo por conta allea, a pesar de que tamén estaba de alta como autónoma na actividade agraria. (segundo o expediente que incorpora a Valedora, as axudas recollen como requisito un traballo de polo menos, media xornada de traballo agrícola).

Informou da situación de baixa

A beneficiaria informou a Consellaría do Medio Rural da súa situación de baixa por risco para o embarazado, da baixa maternal e da posterior baixa por risco para a lactación natural, polo que solicitou a ampliación por un ano do prazo de incorporación á actividade para poder recibir a axuda.

Ao estar en suspensión de contrato polas baixas laborais, non podía cumprir coa obriga de redución de xornada por causa do embarazo, polo que debía acreditar o cumprimento deste requisito, algo que só podería facer "como se lle suxeriu" xestionando dita redución de xornada no seu traballo por conta allea (que non ten a ver coa actividade agraria).

Revisar as axudas

Desta maneira, e sobre a base das leis de igualdade e de impulso demográfico, a Defensoría galega recomendou "revisar a resolución", coa fin de "garantir a seguridade xurídica, comprobando a vida laboral, verificando a suspensión do contrato durante os períodos mencionados e valorando a conveniencia de modificar a interpretación realizada" se así o demostraba a documentación achegada.