Medio Rural busca aprobar a Lei de recuperación de terras pola porta de atrás

A Federación Rural Galega (Fruga) denuncia que Medio Rural intenta aprobar pola porta de atrás a Lei de recuperación de terras cunha proposición de lei non democrática, que favorece a forestación da terra, a privatización e a especulación, ademais de ser un brinde ao sol ao carecer dunha memoria económica.
O conselleiro de Medio Rural, José González, nunha reunión de traballo (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera O conselleiro de Medio Rural, José González, nunha reunión de traballo (Foto: Xunta da Galiza).

A Lei de recuperación da terra agraria da Galiza comeza a súa andadura parlamentaria non exenta de polémicas. Desde a Federación Rural Galega (Fruga), acusan o conselleiro de Medio Rural, José González, de agocharse tras do PP (é o grupo parlamentar e non o Goberno galego o que presenta a proposta de lei) coa fin de furtar o debate social xa que, como lembran, "de ser presentada polo Goberno estaría obrigada a pasar polo trámite de consulta do Consello Económico e Social da Galiza e do Consello Consultivo. Ao obviar este procedemento, estase a evitar que os órganos de participación social emitan o seu correspondente ditame, o que, por outra parte, implica acrecentar o período de debate ao precisar estes organismos de tempo para análise, debate e elaboración da proposta de informe".

Manuel da Cal, coordinador da Fruga, explica a Nós Diario que con este modo de proceder "estase evitando ter que debater esta proposta nos organismos consultivos, como sería preceptivo se fose un proxecto de lei presentado polo Goberno galego. Así o que fai é acelerar o proceso e coutar a posibilidade dun debate moito máis amplo e social, iso desde o punto de vista do procedemento".

Na súa opinión, este movemento forma parte dunha deriva de Medio Rural que obedece a un plan para preparar "toda unha batería lexislativa" na que tamén estarían o plan forestal, a lei de simplificación administrativa, que cualifica de "segunda volta de parafuso da lei de depredación", ou o plan eólico, e que debuxaría un futuro "onde as terras fiquen abandonadas sen propietarios coñecidos para dentro duns anos poder planificar sobre esas terras".

Privatización encuberta

Outro dos aspectos sobre os que chama a atención a Fruga é a "orientación privatizadora" da proposta do PP. "As escuras ou perversas intencións do PP ponse de manifesto ao pretender que entidades privadas veñan ocupar e mesmo substituír a Administración galega nas súas funcións".

Neste senso, din que queda patente cando se especifican as funcións que se lle queren outorgar ás entidades colaboradoras da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), "alén do distinto tratamento que se lle dá aos polígonos agroforestais públicos fronte aos de iniciativa privada: aos primeiros aplícaselle unha normativa estrita, mediante un procedemento máis complexo e garantista que aos segundos. "Resulta curioso que no caso dos polígonos agroforestais públicos figure un artigo específico para evitar o acaparamento, en tanto esta referencia desaparece cando se fala dos polígonos privados", denuncian desde a federación.

"A verdadeira finalidade que persegue esta lei é facilitar o aceso á superficie de terra abandonada ou sen propiedade perfectamente identificada, situación que co paso dos anos será máis relevante, aos sectores especulativos para poder implantar os seus proxectos empresariais en prexuízo das maiorías sociais, sen ter de se enfrontar á actual fragmentación da propiedade que non a fai atractiva para estes sectores [...]. Neste senso, enténdese que se fale de recuperación e non de mobilización, porque o fundamental é recuperar as terras agroforestais de titularidade descoñecida co fin de favorecer todas as producións, mas fundamentalmente a forestal", engaden.

No mesmo saco

Como sinala Manuel da Cal, "non se fala para nada dun problema central para as explotacións agropecuarias do país, como é a falta de terras agrarias útiles e a excesiva dependencia de insumos de fóra da explotación, que as fan moito menos resilientes". "Métese a terra forestal e agropecuaria no mesmo saco e o importante é que estea ocupada; por que, por eucaliptos?", pregúntase o coordinador da Fruga. 

"Se no medio dunha zona con vocación agropecuaria hai un terreo con árbores, que neste momento sería ilegal, xa que non se pode plantar en terreo agrícola aínda que se está a facer a vista gorda, con esta lei non tería problema", exemplifica da Cal, que lamenta que se estean dando pasos "para legalizar a plantación de terras agrarias".

Respecto das consultas anunciadas polo conselleiro con axentes sociais, o representante da Fruga cre que "son un paripé", porque "son á boa vontade do señor conselleiro". Nese senso tamén pide que aclare se a esas xuntanzas asiste "como conselleiro do Medio Rural ou como parlamentario", xa que, insiste, son os 42 deputados e deputadas do PP no Parlamento galego os que impulsan todas estas modificacións. 

Comentarios