Esténdense até o 16 de xullo os labores forestais de limpeza

A Consellaría tamén permitirá de forma xustificada a queima de restos agrícolas nas explotacións.

A Consellaría de Medio Rural estende até o 16 de xullo de 2020 os prazos para realizar os traballos de limpeza e acondicionamento de montes para a prevención de incendios forestais.

Quen se desprace para realizar esta actividade deberá portar unha declaración responsábel na que especifique as leiras nas que traballará, incluíndo a identificación das parcelas e mais a súa referencia catastral.

Así mesmo, deberán portar os apeiros necesarios para os labores ou incluír a declaración onde os teñen depositados.

No caso da limpeza das faixas secundarias, Medio Rural recomenda nos casos que estea previsto segundo convenio que sexa a empresa pública de Servizos Agrarios Galegos (Seaga) a encargada dos labores.  

Excepcións do veto ás queimas

O 15 de marzo, unha resolución aprobada pola Xunta da Galiza estabelecía a suspensión de queimas en terreos rústicos así como a solicitude de novas autorizacións.

Ao tempo transcorrido deste entón súmase o perigo de que os restos agrícolas amoreados incrementen o risco de danos por problemas fitosanitarios nas explotacións.

Así, Medio Rural permite desde hoxe a autorización excepcional á queima de restos agrícolas mentres dure a situación de emerxencia sanitaria declarada na Galiza. As solicitudes remitiranse por correo electrónico aos servizos de prevención de incendios forestais das xefaturas territoriais de Medio Rural.

Xunto coas solicitudes, as titulares da explotación deberán remitir unha declaración responsábel que xustifique a necesidade da queima.