Expertos aconsellan ao Parlamento reorganizar todo o plan de loita contra o lume

Manuel Francisco Gutiérrez (xefe do servizo de loita contra o lume de Pontevedra), Guillermo Acebal (xefe do servizo provincial de incendios forestais da Coruña), José Luis Barca (o xerente do consorcio provincial da Coruña), Francisco Rodríguez (profesor da Universidade de Córdoba), os enxeñeiros Javier Bruna e Xosé Benito Reza, e Alberte Blanco (exdirector xeral de Montes) volven ao Parlamento para precisar as recomendacións do informe do grupo de expertos.

Os expertos que o Parlamento reunira despois da vaga de lumes de outubro do 2017 para redactar un informe que orientase as políticas públicas no goberno do lume volveron á cámara para subliñar algunhas liñas de traballo. 

Unha: profesionalizar as brigadas.
Recomendan primar o servizo público profesionalizado, completado con empresas públicas como "reforzo" á estrutura básica. Piden unha carreira profesional que dea "estabilidade" e formación ao persoal. Ampliando o equipo a técnicos e axentes especialistas en grandes incendios forestais, con novos protocolos entre distritos e provincias, e unha maior coordinación no mando único.

Dúas: reordenar as brigadas.
Diante de novas tipoloxías de lumes, unha reordenación dos efectivos. Transformar as 140 brigadas da Xunta, pasando cada unha de sete a cinco compoñentes, para ter 210 brigadas e garantir a "adecuada cobertura territorial". Coas 137 de reforzo de campaña (seis meses) o número de brigadas chegaría a 347. 

Tres: máis efectivos e material.
Recomendan repoñer os postos de 50 emisoristas e 203 vixiantes que foron suprimidos e chaman a atención sobre as "moitas casetas [de vixilancia] pechadas". Aconsellan contratar 250 brigadas municipais profesionais de reforzo, cun sistema de selección "idéntico" ao da Xunta. Todas elas dotadas con motobombas (e condutores). Concentraríanse na vixilancia e prevención, e na extinción en lumes de "baixa intensidade". Reclaman ademais recuperar os avións de carga en terra e aumentar os helicópteros de tipo medio.

Catro: novas plantacións en zonas de interface. 
Cambiar a estrutura forestal a medio e longo prazo é "mais rendible" que investir en extinción, constatan os expertos. Mentres, piden aumentar as caducifolias e frondosas autóctonas e as plantacións en mosaico nas zonas de interface urbano-forestal. 

Cinco: reforzar os recursos no Sur do país.
Ourense rexistra na última década o 41% dos lumes e o 59% da superficie queimada, pero só conta co 31% das brigadas, por iso o grupo avoga por unha "redistribución territorial" para que coas incorporacións póidase alcanzar o 43% do persoal nos distritos ourensáns, á vez que tamén haxa un incremento relativo no de Pontevedra. Tamén piden unha nova base no sur, a maiores da reapertura en Beariz. 

En xeral, os deputados da oposición presentes na comisión valoraron moi positivamente o informe e as aclaracións do grupo. Antón Sánchez, dos comúns, dixo que a Xunta "fixo constantemente o contrario do que dicían os expertos". Xosé Luís Rivas (BNG) agradeceu que dean "voz" ao que era un "clamor" do servizo de extinción, e Davide Rodríguez (Grupo Mixto) asegurou que "se este documento se chega a aplicar ao 100% o problema endémico de incendios seguramente desapareza ou se reduza moito".