Rural Sostíbel

“O gando pode axudar na xestión dos lumes”

Carlos López López na súa oficina (Cedida)

Carlos López López presentou na Escola Politécnica de Enxeñaría do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela unha tese na que estuda o comportamento do gando cabalar e vacún en zonas de breixo e toxeiras do Cantábrico. Os resultados sinalan a gandaría como alternativa sustentábel para unha xestión do territorio que permita, entre outras cousas, solucionar o problema dos incendios.

Cal é o contexto que motiva o estudo da súa tese?

A problemática que hai en todo o noroeste da Península coa superficie de matogueira. Cada vez hai máis abandonada, co consecuente incremento da biomasa leñosa, que provoca unha gran cantidade de incendios. Por mor disto, tratamos de explorar unha alternativa ao que vén facendo até agora a administración, que se reduce a limpezas mecánicas que non funcionan. Gástase diñeiro en rozar un ano, logo abandónase, faise unha queima, ou vólvese desbravar dentro dun tempo. A nosa proposta era estudar como mellorar, mediante a gandaría, ese tipo de xestión. Os nosos obxectivos pasaban por ver como o gando pode aproveitar esa zona de matogueira. Ademais, á parte do factor ambiental, que poida haber unha produción animal que sexa rendíbel, sobre todo nas zonas do medio rural desfavorecidas e cunha forte despoboación.

Tratamos de explorar unha alternativa ao que vén facendo até agora a administración, que se reduce a limpezas mecánicas que non funcionan

Como se desenvolveu a investigación?

O estudo fíxose nunha serra de matogueira no occidente de Asturias, onde estabelecemos diversos experimentos. Primeiro, fixemos un pastoreo de eguas sobre tres tipos de mato –pois non sempre é homoxéneo–: un dominado por breixos, outro por toxos e outro por unha mestura de herbáceas. Deste xeito cubiramos a vexetación característica do norte da penísula. cubrindo a vexetación característica do norte da Península. Observamos a produción animal desde o estado sanitario –se o número de parasitos era maior ou menor– e desde o fisiolóxico –se eran eguas preñadas ou sen cría. Tamén vimos a diversidade florística, con varias mostraxes de como se desenvolve a ao longo do tempo con pastoreo ou sen el.

Tradicionalmente todas estas zonas eran aproveitadas con pequenos ruminantes, ovino e caprino, que actualmente están desaparecendo nos censos gandeiros en favor dos grandes herbívoros

Por outra banda, comparamos o gando equino co vacún, porque son as dúas especies máis abundantes no noroeste. Tradicionalmente todas estas zonas eran aproveitadas con pequenos ruminantes, ovino e caprino, que actualmente están desaparecendo nos censos gandeiros en favor dos grandes herbívoros. Porén, a información que hai destes en pastoreo extensivo é moi escasa. Non ten nada que ver co vacún de leite,  que si que está estudado. No de carne e no equino hai moi pouca información. Por iso queriamos comparar estas dúas especies e ver como se complementan os seus rendementos produtivos e se poden ser sostíbeis neses mosaicos de mato.

E por último, para poder ter datos, empregamos uns biomarcadores moleculares –uns compoñentes indixeríbeis das plantas– que recuperamos nas feces dos animais. Con eles podemos estimar a composición de dieta, é dicir, o que cada animal come, e a dixestibilidade desta inxestión. Empregamos uns alcois de cadea longa, algo novidoso en equinos que demostrou ser un xeito excelente de controlar estes parámetros, pois non son invasores, non afectan ao comportamento normal dos animais.

Cales foron os resultados?

O gando pode pastar nas zonas de matogueira de maneira sostíbel desde un punto de vista produtivo e ambiental

O pastoreo, quer de vacún quer de equino, aumenta a diversidade da matogueira, o que pola parte ambiental reduce a cobertura vexetal e a altura do mato. Por outra banda, as eguas e cabalos teñen rendementos produtivos nas zonas de toxo practicamente similares aos que se obteñen en pradeira. Entón, confirmamos que o interesante é termos mosaicos de vexetación, zonas de matogueira con zonas de pradeira, de xeito que logremos diversificar toda a vexetación e se consiga unha produción animal rendíbel. Logo habería que ver tácticas de manexo particular, pero a esencia é aproveitar a vexetación que hai. O gando pode pastar nas zonas de matogueira de maneira sostíbel desde un punto de vista produtivo e ambiental. A administración debería cambiar o chip de considerar o gando só como algo produtivo economicamente, pois tamén pode ter un beneficio ambiental na xestión dos incendios que habería que valorar, primando esas áreas.

Desde a administración deberían ver a gandaría como unha opción para xestionar ese territorio

Apuntan nesa dirección políticas?

A administración estao a facer mal. A nova Política Agraria Común (2014-2020) exclúe esas zonas de matogueira como non pastábeis. Aos gandeiros non lles interesa ao non teren subvención e esas áreas abandónanse. Aí xorde o problema dos incendios. Desde a administración deberían ver a gandaría como unha opción para xestionar ese territorio. Iso implica unha mudanza nas políticas cara a un desenvolvemento do rural de verdade.